Ana Ortiz salienta o compromiso da Xunta coa “sensibilización social e a plena inclusión" a través da regata 'Vigo a Vela'
A delegada territorial de Xunta en Vigo participou este xoves na presentación da terceira edición da proba que se celebrará o vindeiro 27 de outubro
Vigo, 17 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou este xoves no Real Club Náutico de Vigo o labor que leva a cabo a III Regata Inclusiva Vigo a Vela para achegar o mar ás persoas con discapacidade. Así o fixo durante a presentación da terceira edición da proba que se celebrará o vindeiro 27 de outubro na ría de Vigo.
A representante autonómica destacou o apoio da Xunta de Galicia a esta nova edición dunha iniciativa que naceu co obxectivo de concienciar á sociedade. “Estamos ante un bo exemplo dunha actividade deportiva que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a plena inclusión das personas con discapacidade a través do deporte”, sinalou Ortiz.
A regata disputarase na ría de Vigo con preto de 15 equipos con embarcacións profesionais e cunha tripulación mixta formada por profesionais da vela e persoal de asociacións e entidades que traballan con persoas con discapacidade física ou intelectual. Cada barco contará cun padriño ou madriña, procedentes do mundo do deporte, a escena social e cultural ou a comunicación.