Fabiola García visita o recinto onde se construirá o novo parque interxeracional que compartirán os usuarios das casas niño e do maior de Aranga
A Xunta de Galicia investirá 40.000 euros na construción do espazo lúdico e na dotación de materiais adecuados para o uso de cativos e maiores
Aranga (A Coruña), 19 de outubro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde, Alberto Platas, visitou o recinto onde se vai construír o novo parque interxeracional de Aranga, que compartirán a casa niño e a casa do maior deste concello coruñés, xa que ambas se sitúan no mesmo inmoble.
As instalacións do espazo lúdico para maiores e cativos serán financiadas na súa totalidade pola Xunta de Galicia grazas a un investimento de 40.000 euros. Este proxecto permitirá adecuar a parcela na que se sitúan as instalacións e dotalas de mobiliario de xogos e activación física para os usuarios destes dous recursos.
Durante a visita, Fabiola García destacou a importancia de que os cativos e as persoas maiores compartan un espazo único que permita fomentar as relacións interxeracionais e promover a dinamización demográfica nos concellos menos poboados e rurais de Galicia.