A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou hoxe os principais investimentos na cidade incluídos nas contas do seu departamento para 2025
A Xunta mobilizará máis de 13 M€ en Ferrol cun plan integral para mellorar o saneamento da ría e os servizos de depuración de augas nos núcleos rurais
As actuacións centraranse nas redes de Doniños-A Cabana, río Sardiña, San Xurxo, Confurco e Esmelle, e incluirán ademais a xestión directa da EDAR de Cabo Prioriño
Ángeles Vázquez subliña o impacto positivo que terán estes investimentos para mellorar a calidade de vida e os servizos de máis de 4.500 veciños do rural ferrolán
Anuncia tamén que será a primeira urbe galega na que se habilitará, da man da Xunta, unha grande área recreativa reservada para animais de compañía
Ferrol, 18 de outubro de 2024
A Xunta mobilizará máis de 13 millóns de euros en Ferrol co impulso dun ambicioso Plan integrado para o saneamento e depuración da ría que porá o foco en mellorar e dotar de servizos axeitados e de calidade aos principais núcleos rurais do municipio, un conxunto de actuacións que repercutirán positivamente tamén no estado das súas augas costeiras.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que presentou os principais proxectos e investimentos nesta cidade incluídos nos orzamentos do seu departamento para o próximo ano.
Tras subliñar que a posta en marcha deste plan estratéxico se fará coa colaboración e apoio do Concello de Ferrol —que achegará o 30% do investimento—, a responsable autonómica explicou que as actuacións programadas se dividirán en dúas fases. A primeira delas, cun orzamento de 6,7 millóns de euros, centrarase na execución de varias obras de saneamento e depuración no rural ferrolán, beneficiando a unha poboación estimada en 4.500 persoas.
Segundo explicou, actuarase para construír novos bombeos así como na mellora das canalizacións existentes ademais de avanzar que Augas de Galicia asumirá de forma directa a explotación da Estación depuradora de Cabo Prioriño.
Máis concretamente, comezarase polo saneamento que discorre entre Doniños e A Cabana, melloraranse as redes da conca do río Sardiña, de San Xurxo e de Confurco e tamén se actuará no bombeo de Vila Igrexa en Esmelle, coa previsión de que as obras dos proxectos máis avanzados se poidan licitar “no primeiro trimestre de 2025”, indicou.
“Para coidar o medio ambiente e ás persoas que viven nas zonas máis periurbanas, nas máis rurais necesitamos facer investimentos en servizos”, sinalou Ángeles Vázquez, quen destacou neste sentido os 144 millóns de euros cos que disporá o organismo hidráulico Augas de Galicia o ano que vén, un 4,7% máis que en 2024.
Co fin de mellorar e reforzar a calidade de vida dos cidadáns pero, neste caso, dos que viven nas cidades, avanzou que o próximo ano se impulsarán os primeiros pulmóns verdes urbanos no marco da Estratexia de infraestrutura verde de Galicia aprobada hai uns días pola Xunta, unha liña de acción á que se destinarán 3 millóns para proxectos de restauración de alamedas, creación de parques ou corredores ecolóxicos.
Así mesmo e no eido do benestar animal, a conselleira anunciou que Ferrol será a primeira cidade galega que contará cun gran parque ou área recreativa concibido como espazo de ocio e lecer que poidan compartir as familias cos seus animais de compañía.
Ao respecto, lembrou que o obxectivo do seu departamento é dotar dun parque destas características ás sete urbes galegas e que foi o Concello de Ferrol o primeiro en confirmar o seu interese en dispoñer desta nova dotación. Neste sentido, o Goberno local terá que ceder os terreos para que a Xunta se encargue despois de acondicionalos e dotalos das infraestruturas públicas, de seguridade e de ocio necesarias para que cumpra co seu fin (aneis de salto, ramplas, circuítos caninos...).
Orzamento xeral da Xunta
Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático enmárcanse nunhas contas da Xunta para 2025 que son as máis altas da historia, con 13.954 millóns de euros, arredor dun 2,6% máis ca este ano, co obxectivo de crear máis benestar, prosperidade e futuro. Estes fondos permitirán impulsar a oferta de vivenda, sentar as bases da Galicia futura con máis innovación, reforzar os servizos públicos e apostar polos sectores produtivos e a transición verde.
De feito, tres de cada catro euros do presuposto destínanse a gasto social —que supera a barreira dos 10.000 millóns—, triplícanse os orzamentos destinados á construción de vivenda pública e compra de solo residencial, refórzase o apoio aos concellos —ata os 641 millóns de euros— e impúlsanse as rebaixas fiscais dando continuidade ás medidas adoptadas en exercicios anteriores.