A Xunta destaca a fortaleza colectiva do voluntariado de Protección Civil

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou en Ribadavia na VIII Xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense

A Xunta investiu nos últimos anos máis de 24 millóns de euros en apoio ao funcionamento, á dotación de equipamento e á formación para estes servizos de emerxencias municipais

Ribadavia (Ourense), 19 de outubro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Interior, Diego Calvo, participou na VIII Xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Ourense, onde destacou a fortaleza colectiva dos membros destes servizos de emerxencias municipais. O acto, no que tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xuntou medio milleiro de voluntarios procedentes de distintos puntos de Galicia e de España.

Na súa intervención, Diego Calvo incidiu no agradecemento ao esforzo, xenerosidade e compromiso das persoas que forman parte destas agrupacións e que comparten o obxectivo de velar pola seguridade e o benestar da cidadanía. Neste sentido, lembrou que en 2023 estes colectivos realizaron máis de 50.000 operativos en toda Galicia, boa parte deles en fins de semana ou datas sinaladas, demostrando a súa dedicación cando máis se precisa e xerando tranquilidade na poboación.

Para o conselleiro, a actuación altruísta deste persoal voluntario en festas e eventos multitudinarios, renunciando a desfrutar deles, ou en emerxencias como temporais, inundacións ou incendios, arriscando a súa seguridade, poñen de manifesto o seu sentido do deber e a súa xenerosidade. A maiores, apuntou que a masiva asistencia á xornada de hoxe proba tamén o compañeirismo que caracteriza este colectivo e permite comprobar “canta xente hai disposta a dar o mellor de si polos demais”.

Liñas de apoio

Diego Calvo reafirmou o apoio da Xunta ás AVPC para facilitarlles o desenvolvemento do seu traballo coa máxima eficacia e seguridade. Así, contan con diferentes liñas de axuda que supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos. Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.

A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/10/2024