Javier Arias reúnese co alcalde de Carballedo para abordar vías de colaboración en proxectos de interese municipal
Lugo, 22 de outubro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel, que serviu para analizar as principais demandas e necesidades do municipio naqueles ámbitos que son competencia da Administración autonómica e para avaliar posibles vías de colaboración.
Arias trasladoulle ao rexedor o compromiso do Goberno galego de traballar de xeito conxunto no desenvolvemento de iniciativas co fin de garantir o benestar de todos os veciños e veciñas do municipio.
Entre outras cuestións, na xuntanza lembrouse que Carballedo é unha das entidades locais que resultaron beneficiarias dunha nova orde de axudas plurianual cofinanciada con fondos Feder, o que lle permitirá cubrir ata o 80% dos gastos das obras que van executar na casa consistorial co fin de mellorar a eficiencia enerxética.