A Xunta fomenta a dinamización do comercio local de Vigo a través dunha nova edición do concurso de Nadal de escaparatismo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación da iniciativa Ilumina o teu escaparate organizada polas asociacións de comerciantes

Vigo, 23 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación da terceira edición da campaña Ilumina o teu escaparate que organizan as asociacións de comerciantes co apoio do Goberno galego, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para activar o consumo nos pequenos establecementos das diferentes zonas da cidade durante o Nadal.

“Cada ano ten máis participantes e trátase dunha maneira de fomentar e dinamizar o comercio”, sinalou a representante autonómica durante o acto celebrado na Delegación Territorial, no que tamén estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o organizador do evento, Enrique Corbacho.

Na iniciativa participan a Federación de Comerciantes de Pontevedra e os comerciantes das Travesas, Bouzas, Zona Príncipe, Teis, Navia, Casco Vello, Comerciantes e Empresarios Vigo Vertical (Torrecedeira, Pi y Margall e Camelias), Calvario, Zona Náutico, Xeral-Acexvigo e Vigo Centro. O concurso comezará o 20 de novembro e rematará o vindeiro día 15 de decembro. Os locais interesados deben envíar as fotos ao correo iluminatuescaparate@gmail.com.

A vicepresidenta da Deputación apuntou que “a colaboración entre administracións multiplica os beneficios para a cidadanía  e queremos promover a economía de Vigo apoiando ao comercio de proximidade”.  Pola súa banda, Enrique Corbacho destacou que este ano, como novidade, haberá unha master class sobre escaparatismo, merchandising, atención al cliente e redes sociais á que poderá asistir todos os integrantes das asociacións de comerciantes.

O vindeiro 12 de xaneiro (11:30 horas) o Auditorio da Xunta en Vigo acollerá a gran gala na que se darán a coñecer os gañadores. Entre todos os participantes se sorteará unha fin de semana nunha casa rural e unha unha estancia nun hotel-spa. Ademais, haberá premios en metálico para o gañador (600 euros), o segundo clasificado (400 euros) e o terceiro (150 euros).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2024