Martina Aneiros avalía na Comisión Territorial de Coordinación os principais investimentos da Xunta en Ferrolterra nos Orzamentos de 2025
A delegada territorial de Ferrol destacou importantes proxectos en materia de saneamento, instalacións deportivas, vivenda ou infraestruturas sanitarias que contan con compromiso do Goberno galego nas contas do próximo ano
Ferrol, 23 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiu esta mañá unha nova sesión da Comisión Territorial de Coordinación onde puxo en valor o esforzo inversor da Xunta na zona nos Orzamentos 2025.
Na reunión, na que tomaron parte os directores territoriais de cada conselleira, Aneiros destacou os importantes investimentos en materia de saneamento, instalacións deportivas ou vivenda que recibirá o próximo ano a cidade naval. Neste último capítulo salientou os 7,67 M€ consignados para iniciativas como a construción de vivenda de promoción pública no Bertón (5,21 M€), a continuidade do programa Rexurbe (1,96 M€) ou os 500.000 euros para o desenvolvemento de novo solo residencial na cidade, “o que permitirá facilitar o acceso á vivenda ás familias con máis dificultades de acceder ao mercado libre”. A delegada territorial tamén salientou que o investimento en materia de urbanismo quintuplícase nos Orzamentos de 2025 impulsado polo no Plan Hurbe de Ferrol que contará o próximo ano cun investimento de 1,5 M€.
En materia de infraestruturas, a Xunta consigna 2,2 M€ para o proxecto de Abrir Ferrol ao Mar -600.000 euros para culminar as obras da primeira fase que está a executar a Autoridade Portuaria de Ferrol na fachada marítima e outros 1,6 M€ para a segunda fase que levará a cabo o Concello de Ferrol-. A estes habería que sumar outros 9,61 M€ previstos para infraestruturas viarias da comarca como os 4,75 M€ para melloras complementarias nas estradas autonómicas AC-862 e AC-566; os 4 M€ para a VAC Costa Norte ou os 860.000 euros para a execución de medidas ambientais na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64).
“A Xunta mobilizará case 70 M€ nun ambicioso Plan integrado para o saneamento e depuración das rías o próximo ano. No marco do mesmo, destinarase a Ferrol máis de 13 M€ -70% Xunta e 30% Concello- divididos en dúas fases que permitirá dotar de servizos axeitados e de calidade aos principais núcleos rurais do municipio, un conxunto de actuacións que repercutirán positivamente no estado das augas costeiras”, indicou Aneiros.
O documento orzamentario recolle ademais investimentos en infraestruturas en municipios da comarca como 3,2 M€ para a mellora do abastecemento de Ares, preto de 590.000 euros para darlle continuidade ás fases II e III do saneamento de Cabanas-Pontedeume e 50.000 euros para implementar medidas preventivas e de redución de riscos de inundación no concello de Neda.
Máis gasto para as persoas
A delegada territorial puxo o aceno tamén nos 15,57 M€ destinados ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) para avanzar tanto na fase 1 do plan director xa en curso, como no proxecto da fase final, obras que lembrou “estanse a levar a cabo compatibilizando a actividade asistencial. Ademais recóllese un compromiso de 15,3 M€ no 2026 para concluír as obras da fase I e outros 89,5 M€ plurianualizados para a fase final.
“O Orzamento tamén prevé os importes que se destinarán á Área Sanitaria de Ferrol para continuar coa dotación de equipamento para os centros de atención primaria e hospitalaria, así como para actuacións TICS”, explicou Aneiros, que tamén aclarou que as contas da Xunta para 2025 tamén recollen os recursos necesarios para avanzar nos novos centros de saúde de San Xoán (Ferrol), Cedeira ou Fene, “unha vez os Concellos poñan a disposición da Consellería de Sanidade os terreos para levalos a cabo”.
Martina Aneiros destacou o incremento do gasto social nos Orzamentos de 2025 que por primeira vez supera os 10.000 M€ e que no caso da área territorial recolle, entre outras actuacións e programas, 1,5 M€ para completar a remodelación da residencia de maiores de Caranza e outros 500.000 para o centro de crise para a atención 24 horas ás vítimas de agresións sexuais de Ferrol que se porá en marcha neste último trimestre do ano.
A delegada territorial lembrou ademais que a Xunta manterá por terceiro ano consecutivo a gratuidade nas escolas infantís, “unha medida da que se benefician preto de 1.000 nenas e nenos na cidade de Ferrol”.
Destacou ademais os 2,9 M€ consignados para o inicio da Cidade do Deporte de Ferrol, “un investimento sen precedentes que pode converter este proxecto de Ferrol nun dos exemplos a seguir en materia deportiva en Galicia” e os 2 M€ destinados ao Polo de innovación tecnolóxica en enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético.
No ámbito educativo, puxo en valor o 2 M€ consignados para levar a cabo a rehabilitación integral e ampliación do CIFP Leixa, os 2,1 M€ para continuar desenvolvendo as obras de ampliación do CPI As Mirandas (Ares) e 500.000 euros para un convenio co Consello de Ferrol para a mellora de colexios de Infantil e Primaria.
Por último, Martina Aneiros aludiu ao preto de medio millón de euros comprometidos nos Orzamentos 2025 pola Consellería do Mar para proxectos na zona valorados en 5,4 M€. Entre eles destacou as obras de dragaxe do porto de Cariño, xa en marcha, a estabilización do noiro de Barallobre e o reforzo do de Mugardos; a dragaxe do porto de Pontedeume e o balizamento da canle de acceso a Ortigueira.