A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe os traballos de mellora do viario
A Xunta inviste 2,3M€ no acondicionamento da estrada LU-710 ao seu paso polo concello de Baralla
A actuación desenvólvese nun treito de 4,5km desta estrada autonómica que conecta a N-VI coa autoestrada A-6 e ten un prazo de execución de 18 meses, polo que se prevé que estea rematada a principios do 2026
Allegue subliña a aposta da Xunta por infraestruturas “de calidade, cómodas e seguras”, citando que o capítulo da Axencia Galega de Infraestruturas conta cun investimento nos orzamentos do 2025 de 265M€, dos que 68M€ están destinados a conservación das estradas autonómicas e mellora de firmes para garantir a seguridade viaria
Na provincia de Lugo o investimento da consellería ascende a preto de 72M€, con actuacións en infraestruturas como a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria, para a que se consignan 2M€
Baralla (Lugo), 23 de outubro
A Xunta de Galicia está a investir 2,3M€ nas obras de acondicionamento da estrada autonómica LU-710, no treito que conecta a N-VI coa autoestrada A-6, ao seu paso polo concello de Baralla. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe estes traballos, que comezaron no mes de agosto, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A previsión, como sinalou a conselleira, é que a mellora poida estar rematada a principios do 2026, tendo en conta que o prazo de execución é de 18 meses. Os traballos desenvólvense nun treito de 4,5Km, e permitirán ensanchar e mellorar a plataforma da calzada ata os sete metros e aumentar a visibilidade en zonas concretas da estrada. Tamén se traballará na remodelación da intersección coa N-VI para facela máis segura e a actuación contempla a rehabilitación de firme e a implantación de paradas de bus.
M. Allegue destacou que a actuación é unha mostra do compromiso da Xunta “cunhas infraestruturas de calidade, cómodas e seguras”, e lembrou que a rede autonómica de estradas abrangue máis de 5.500km e a seguridade viaria “é unha prioridade para a Xunta”. A conselleira destacou que o investimento nos vindeiros orzamentos do 2025 para esta área é dun total de 265M€ en Galicia e, dentro dese investimento, a seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes volve tamén a ser un eixo fundamental, con máis de 68M€, un 30% máis que neste 2024.
No caso da provincia de Lugo, o investimento total da Xunta é de 71,8M€, cun investimento por habitante de preto de 222€. Entre as actuacións consignadas nos orzamentos figuran, entre outras a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria (2M€), para rematar a tramitación do proxecto e licitar as obras; a mellora na LU-540, onde se está iniciando a execución da obra da primeira fase de mellora entre Viveiro e Cabreiros. E destínanse 3M€ para o acondicionamento e restitución da LU-651 no Folgoso do Caurel.
“Todas elas actuacións que se enmarcan -recalcou M. Allegue-, no noso compromiso por unhas infraestruturas modernas e sostibles e por seguir avanzando en seguridade para as nosas estradas, para reducir ao máximo os riscos dos usuarios”.