A cuarta feira ‘L de Lugo’ exaltará a gastronomía lucense os días 27 e 28 de outubro co apoio da Xunta
A cita, organizada por Adislugo, contará con máis de cen expositores no Pazo de Feiras e Congresos
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria ofrecerá degustacións e catas de produtos alimentarios e bebidas galegos amparados por selos de calidade, como queixos, embutidos, aceites, galletas, xeados, viños, cervexas e augardentes tradicionais
Lugo, 24 de outubro de 2024
O Pazo de Feiras e Congresos acolle os próximos domingo e luns -27 e 28 de outubro – a cuarta feira L de Lugo, organizada pola Asociación Lucense de Distribuidoras de Hostalería e Alimentación (Adislugo). A Xunta colabora un ano máis coa iniciativa.
O delegado territorial, Javier Arias, e o presidente de Adislugo, Eloi García, presentaron hoxe na Delegación Territorial esta cita que exalta os produtos alimentarios de calidade e a riqueza da gastronomía lucense, contribuíndo a ampliar o mercado a novos compradores.
A feira contará con máis de cen expositores, entre eles o da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, que ofrecerá catas e degustacións de alimentos e bebidas galegas amparados por certificados de calidade.
Así, o posto de Agacal centrarase en promocionar aceites, xeados, queixos, cervexas, embutidos ou galletas co selo de Artesanía Alimentaria; queixos galegos con denominación de orixe que recibiron as distincións de ouro nas Catas dos Queixos de Galicia 2023; e viños brancos e tintos premiados nas Catas de Galicia 2024, entre outros.
Como nas edicións anteriores a feira contará con exhibicións culinarias en directo a cargo de 14 cociñeiros; un espazo adicado aos viños da Ribeira Sacra; un punto de ocio infantil e animación musical, xunto con outras moitas actividades.
Arias destacou que esta iniciativa vai en sintonía coas accións de promoción que organiza a Xunta, entre as que mencionou a próxima celebración en Lugo dun mercado de Artesanía Alimentaria que se desenvolverá do 12 ao 15 de decembro.