A Xunta destaca a dedicación altruísta do voluntariado de Protección Civil para garantir a seguridade cidadá
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou en Palas de Rei na VIII Xornadas provinciais de Protección Civil
Palas de Rei (Lugo), 26 de outubro de 2024
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na VIII Xornadas provinciais de Protección Civil, onde destacou a xenerosidade do voluntariado destas agrupacións pola súa dedicación altruísta para garantir a seguridade cidadá.
Na súa intervención, Santiago Villanueva referiuse a estes colectivos como piares fundamentais na prevención de riscos e na atención ás emerxencias. Nesta liña, incidiu no agradecemento ao esforzo e ao compromiso das persoas que forman parte destas agrupacións e que comparten o obxectivo de velar pola seguridade e o benestar da cidadanía. Así, lembrou que en 2023 estes colectivos realizaron máis de 50.000 operativos en toda Galicia, boa parte deles en fins de semana ou datas sinaladas, demostrando a súa dedicación cando máis se precisa e xerando tranquilidade na poboación.
O director xeral reafirmou o apoio da Xunta ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) para facilitarlles o desenvolvemento do seu traballo coa máxima eficacia e seguridade. Así, contan con diferentes liñas de axuda que supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos.
Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.
A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.