Miguel Corgos destaca o esforzo da Xunta por ofrecer empregos públicos estables que redunden nun servizo de calidade á cidadanía

O conselleiro de Facenda e Administración Pública supervisou o operativo das probas dos procesos selectivos que se celebran esta fin de semana, nas que participan case 16.300 aspirantes para acceder a 256 prazas

Corgos salientou a posta en marcha dun novo protocolo de seguridade para detectar a presenza de dispositivos electrónicos non permitidos durante a realización das probas

Agradeceu a todas as persoas empregadas públicas a colaboración no procedemento coordinado de elección de destino e toma de posesión de preto de 3.000 persoas, que se leva a cabo nestes días con total normalidade

Santiago de Compostela, 19 de setembro 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o esforzo da Xunta por ofrecer empregos públicos estables que redunden nun servizo de calidade á cidadanía. Deste xeito, en 2026 convocaranse un total de 41 procesos selectivos con máis de 2.000 prazas ofertadas, dos que 22 xa están convocados, con 804 prazas ofertadas. Os restantes convocaranse no último trimestre do ano.

O conselleiro de Administración Pública visitou o recinto da Feira Internacional de Silleda, onde supervisou o operativo das probas dos procesos selectivos que se realizan durante toda a fin de semana, que convocan a case 16.300 aspirantes para acceder a 256 prazas.

A proba desta mañá corresponde ao corpo superior (A1), na que se inscribiron 1.323 persoas que aspiran a 59 prazas.  Pola tarde, a partir das 15,30 horas, están chamadas a participar 1.851 aspirantes, convocados para  40 prazas do corpo de xestión (A2). Mañá, domingo, ás 9,00 horas, 6.745 opositores presentaranse á convocatoria do corpo administrativo (C1), que conta con 74 prazas. Pola tarde, a partir das 15,30 horas, están chamadas a participar 6.359 aspirantes convocados para 83 prazas do corpo auxiliar (C2).

Novo protocolo de seguridade

Miguel Corgos salientou a posta en marcha dun novo protocolo para detectar a presenza de dispositivos electrónicos non permitidos durante a realización das probas. Prohíbense teléfonos móbiles, reloxos, gafas con cámara, videocámaras, dispositivos de intelixencia artificial, conectividade inalámbrica, xeolocalización ou sistemas de transmisión ou recepción de datos.

“Pódese identificar o seu uso con equipos pasivos de detección de radiofrecuencia, campos electromagnéticos e materiais ferromagnéticos”, explicou o conselleiro, quen matizou que todos os controis se realizan “sen causar molestias ás persoas presentadas, só en caso de necesidade e con proporcionalidade.”

Mobilidade sen precedentes

O conselleiro de Facenda e Administración Pública quixo aproveitar para agradecer tamén a todas as persoas empregadas públicas a colaboración no procedemento coordinado de elección de destino e toma de posesión de preto de 3.000 persoas. “Un volume de mobilidade sen precedentes”, afirmou, que transcorre “con total normalidade” e que vai completar “un longo proceso dirixido á promoción, estabilización e mellora do emprego público.”

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2026