A delegada territorial de Ferrol destaca o labor do IGAPE nas políticas de acción exterior da Xunta durante as xornadas ‘Ferrol no mundo do S.XXI’

Martina Aneiros participou esta mañá no campus industrial na apertura destas xornadas centradas nas relacións entre a Unión Europea, China e Iberoamérica, organizadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) 

Ferrol, 25 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, interveu esta mañá na apertura da segunda edición das xornadas Ferrol no mundo do S.XXI: China, Unión Europea e Iberoamérica no diálogo Oriente-Occidente, organizadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), en colaboración co campus industrial de Ferrol e Casa Asia.

A delegada territorial avogou pola creación de espazos de encontro e diálogo como estas xornadas co obxectivo de “compartir ideas, analizar tendencias globais e, sobre todo, buscar solucións conxuntas aos retos que se presentan”. Neste sentido puxo o foco nas empresas como “actores directos da acción exterior” e destacou a rede de antenas empresarias tecidas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), como exemplo das políticas da Xunta orientadas a abrir camiños para o tecido económica galego nos países de destino.

Na súa intervención, Aneiros tamén puxo en valor a visión cara ao exterior que sempre tivo Ferrol auspiciada “polo seu carácter naval e portuario, a súa vocación industrial e a súa apertura ao Atlántico” e incidiu na importancia que cobra esa visión no contexto actual, onde “as interconexións globais que estamos a vivir esíxennos entender as dinámicas e os equilibrios entre as grandes rexións do mundo”.

Por último, concluíu agradecendo ao Igadi a celebración desta iniciativa e destacando o seu esforzo por promover a reflexión sobre temas internacionais desde unha perspectiva galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2024