A Xunta resalta en Sagunto a aposta estratéxica de Galicia polo comercio local como eixo fundamental de desenvolvemento social e económico
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no XII Congreso Internacional de Cascos Históricos para poñer en valor o papel do comercio no dinamismo de barrios, vilas e cidades
Destacou o seu potencial de desenvolvemento ligado a outros activos fundamentais, como o emprego, o emprendemento, o turismo ou o ocio
Fixo fincapé no esforzo do Goberno galego por abordar o futuro do sector da man de todos os axentes implicados, facendo referencia ao proceso participativo aberto actualmente para a elaboración do Plan Estratéxico con horizonte en 2030
Sagunto (Valencia), 25 de outubro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na mesa coloquio Alianzas estratéxicas: Casos de éxito no impulso ao comercio local e turismo, no marco do XII Congreso Internacional de Cascos Históricos organizado pola Confederación Española de Cascos Históricos.
O director xeral puxo en valor a importancia do comercio como fonte de vida e figura fundamental no dinamismo e vertebración do territorio nos barrios, vilas e cidades, destacando o seu potencial de desenvolvemento ligado a outros activos fundamentais, como o emprego, o emprendemento, o turismo ou o ocio.
Neste senso, destacou que Galicia está facendo os deberes para contribuír ao fortalecemento do comercio como eixo dinamizador facendo referencia ao proceso participativo aberto actualmente para a elaboración do futuro Plan Estratéxico con horizonte en 2030. Puxo énfase en que se trata dunha planificación que se está a realizar con todo o sector, para abordar da man retos como a transformación dixital, a innovación e a modernización en liña coas novas tendencias de consumo.
Ademais, subliñou que nesta folla de ruta tamén será primordial o labor cara a remuda xeracional, a formación e a transformación das tradicionais prazas de abastos en mercados excelentes, ámbito no que o Goberno galego está impulsando o Selo de Mercado Excelente.