A Xunta convoca o curso ‘Violencia de xénero no ámbito dixital’ dirixido ao persoal dos servizos de seguridade pública
A través da Academia Galega de Seguridade Pública impartiranse en decembro catro edicións en liña, con 25 prazas e 15 horas de duración cada unha delas
As inscricións deben formalizarse a través da web da Agasp ata o 18 de novembro
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de catro edicións do curso Violencia de xénero no ámbito dixital, dirixido a persoal dos corpos de Policía Local de Galicia e doutros servizos de seguridade pública. A través desta iniciativa, enmarcada no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, impartiranse catro sesións en liña entre o 2 e o 18 de decembro. Cada un dos cursos oferta 25 prazas e ten unha duración de 15 horas.
A acción formativa inclúe tres módulos centrados nas novas tecnoloxías, na recompilación de evidencias e na instrución de dilixencias e solicitudes. Nos dous primeiros abórdanse as redes fixas, os dispositivos móbiles, os sitios web e a banca en liña, entre outros temas. O último módulo céntrase en casos prácticos. Deste xeito, quérese reforzar a formación nas técnicas básicas de investigación e recolección de evidencias dixitais, podendo axudarlle á vítima a coñecer se o seu teléfono móbil ten activada a xeolocalización por parte doutra persoa, as formas seguras dos sitios webs ou a funcionalidade familia en todos os dispositivos, entre outros coñecementos prácticos.
Segundo a convocatoria, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20 % das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e o prazo para facelo vai desde mañá ata as 14,00 horas do 18 de novembro.
A convocatoria destes cursos forma parte da programación formativa do segundo semestre do ano na Agasp, que suma 53 actividades con case 1.300 prazas para persoal de seguridade pública e de emerxencias. A estas engádeselle a oferta formativa da Policía Autonómica, Garda Civil e Policía Nacional, ademais de xornadas de interese xeral no eido dos dereitos fundamentais, intelixencia artificial e normativa de tráfico e seguridade viaria.
A Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da poboación. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.