A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá unha das vivendas incluídas nesta iniciativa
A Xunta destinará en 2025 máis de 3 M€ ao programa Mentor para impulsar a formación e emancipación de mozos tutelados
Fabiola García puxo en valor a importancia deste programa de inserción sociolaboral que ofrece axuda, asesoramento e seguimento profesional
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo hoxe en valor a importancia que ten o programa Mentor para axudar na transición á vida adulta de xente moza tutelada pola Administración autonómica. Fíxoo durante unha visita a unha das vivendas que a Xunta destina a adolescentes que se benefician desta iniciativa de inserción sociolaboral, na que participan cada ano case 700 mozos das catro provincias galegas.
A conselleira destacou que no vindeiro ano a Xunta seguirá consolidando os programas de transición á vida adulta, aos que destinará 3,1 millóns de euros. Ademais, explicou que o obxectivo do programa Mentor é facilitar o mellor escenario posible para que os menores que están no sistema de protección poidan desenvolverse tanto persoal como profesionalmente, facilitándolles as ferramentas que necesitan para a súa formación e emancipación unha vez que superan a maioría de idade.
En concreto, a través do Mentor ofrécese axuda, asesoramento e seguimento profesional a mozos de entre 16 e 21 anos que están baixo a responsabilidade da Xunta, un apoio que se pode estender ata os 25 anos nalgúns casos. Para levalo a cabo o Goberno galego mantén un concerto social coa entidade sen ánimo de lucro Igaxes, que conta coa experiencia e os equipos de profesionais axeitados para o correcto funcionamento deste programa, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE+).