Ángeles Vázquez e a alcaldesa de Oia reúnense para tratar asuntos relacionados co saneamento

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, reuníronse recentemente para abordar asuntos relacionados co saneamento.

Durante o encontro, a conselleira e a rexedora coincidiron na necesidade de levar a cabo unha análise da situación do saneamento tanto no núcleo urbano como na zona rural da localidade de cara a identificar posibles necesidades de mellora para ofrecer un mellor servizo á cidadanía.

Nesa liña, Ángeles Vázquez informou á alcaldesa de que os técnicos de Augas de Galicia colaborarán co persoal municipal tanto na elaboración desa diagnose como na avaliación das medidas que fose necesario implementar.

A maiores, tamén avaliaron a repercusión que terá no sistema de depuración municipal a conversión do Mosteiro de Santa María a Real en hotel.

A conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2024