Belén do Campo e o alcalde de Negreira analizan novas liñas de colaboración en materia sanitaria, educativa e de infraestruturas

Negreira (A Coruña), 5 de novembro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, reuniuse, esta mañá, co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis para abordar as necesidades do municipio. No encontro abordaron a solicitude municipal para a renovación ou reforma do centro de saúde. A delegada confirmou que a Consellería de Sanidade está a analizar esta demanda, para o que os técnicos do departamento xa realizaron unha visita ás instalacións.

Outro dos temas abordados no encontro foron as obras realizadas no CEIP o Coto de substitución da súa cuberta e renovación das fiestras nas que se investiron máis de 225.000 euros para mellorar a sostenibilidade e confort deste centro educativo. Ademais, Manuel Ángel Leis tamén explicou a necesidade de seguir avanzando na mellora da súa accesibilidade e do sistema eléctrico.

O rexedor tamén trasladou propostas en materia de saneamento e de infraestuturas. Concretamente, a delegada tomou nota da súa iniciativa de mellorar a seguridade vial coa construción dunha rotonda na AC-556 na contorna do polígono empresarial de Cobas coa que tamén optimizaría a mobilidade nesta zona. Finalmente, o alcalde solicitou a colaboración da Xunta para poder empregar as instalacións da Unidade de Acción Formativa que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten neste municipio. Neste ámbito, o alcalde trasladoulle o seu agradecemento polos obradoiros de emprego nos que que participa este municipio por ser de gran utilidade para a mellora da empregabilidade dos seus veciños.

Pola súa parte, Belén Campo recolleu todas a súas propostas e manifestou o compromiso da Xunta por manter e reforzar o apoio aos concellos galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2024