O presidente da Xunta participou na clausura do acto de entrega das medallas ao mérito do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia

Rueda destaca a importancia de contar cun territorio vertebrado e sostible para afrontar os retos do futuro

Salienta que a Xunta destinará 63 M€ no 2025 a aumentar a extensión e calidade da rede de vías de alta capacidade

Asegura que se seguirá traballando en autovías como a de Santiago-A Estrada, Tui-A Guarda, a da Costa da Morte, Nadela- Sarria ou Brión-Noia

Subliña o rescate de catro autoestradas autonómicas para eliminar as peaxes en sombra

A Coruña, 6 de novembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de contar cun territorio vertebrado, seguro e sostible para afrontar os retos do futuro e agradeceu o labor dos profesionais da enxeñería neste eido. 

Durante a clausura do acto de entrega das medallas ao mérito do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, lembrou que mellorar a conectividade no territorio galego é unha prioridade para a Xunta. Por iso, o Executivo autonómico vai destinar 63 millóns de euros o vindeiro ano a aumentar a lonxitude e calidade da rede de vías de altas capacidades, que se incrementou nun 70% nos últimos 15 anos. 

Ademais, a Xunta seguirá traballando en vías tan importantes como as autovías Santiago- A Estrada, Tui-A Guarda; Costa da Morte, Nadela-Sarria ou Brión-Noia e tomou a decisión de rescatar a concesión de catro das autovías autonómicas para eliminar as peaxes en sombra de modo que se dispoña de máis recursos para seguir vertebrando Galicia.

Na intervención, Rueda tamén salientou a importancia de seguir avanzando e mellorando as infraestruturas e servizos ferroviarios en Galicia. Por iso, volveu reclamar o compromiso do Goberno central con obras claves como a conexión por alta velocidade con Portugal ou as necesarias para facer realidade o Corredor Atlántico.

Recoñecemento

No acto, a entidade outorgou unha insignia aos colexiados que levan 25 anos formando parte do Colexio e as medallas ao mérito colexial 2024 que recaeron no xefe da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) en Lugo, Gerardo Pallares; en Juan Loureda Mantiñán e Bento Machado Aires.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2024