O presidente da Xunta participou na entrega do premio Directivo do Ano que organiza a Asociación para o Progreso da Dirección (APD)
Rueda destaca o papel do tecido empresarial á hora de difundir a Marca Galicia no mundo e facer medrar a comunidade
Encomia o bo facer da Asociación e felicita a Justo Sierra, o galardoado deste ano
Reitera o seu apoio ás empresas que conforman o tecido industrial galego
Salienta o bo momento da economía galega
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou o papel que ten o tecido empresarial á hora de difundir a Marca Galicia por todo o mundo e facer medrar a comunidade: “Sen empresarios non hai economía. Non todo consiste en facelo desde a Administración. O que teremos que facer é tentar que todos vós poidades facer o voso traballo, e así é como as cousas crecen”, apuntou o presidente.
Así o fixo esta mañá en Santiago, onde participou na entrega da III edición do premio Directivo do Ano que organiza a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Na súa intervención, Rueda encomiou o bo facer da Asociación á hora de recoñecer o labor dos empresarios que fan de Galicia un lugar puxante e con futuro.
Ademais, o presidente do Goberno galego reiterou o seu apoio ás empresas que conforman o tecido industrial galego, recalcando a importancia de ter aprobados xa os Orzamentos para dar estabilidade e seguridade económica: “Pretendo demostrar con feitos que somos unha Administración que cumpre coa súa obrigación”, destacou.
Neste sentido, Rueda salientou o bo momento da economía galega. Galicia é a única comunidade autónoma que medrou por riba da media da Unión Europea nos últimos vinte anos e que pechou o ano con récords de exportacións, con máis de 30.000 M€.
Por último, o titular do Executivo galego deu os seus parabéns ao galardoado da gala, Justo Sierra, conselleiro delegado e presidente de Urovesa. Rueda encomiou o seu papel á hora de facer unha empresa familiar todo un referente no sector da automoción a nivel mundial: “Non lle damos ás veces suficiente valor a que, nunha industria tan competitiva, que aquí en Galicia teñamos un dos principais centros do mundo. Isto quere dicir que aquí as cousas fanse francamente ben”, salientou Rueda.