A Xunta difundirá os apoios para atraer, retornar e reter talento investigador no IV Encontro Oportunius

A cita, que se celebrará o 21 de novembro na Cidade da Cultura, ofrecerá a visión de directivos de relevantes entidades españolas e europeas relacionadas co impulso da ciencia excelente

Investigadores que desenvolven proxectos ERC en Galicia explicarán a súa experiencia con este programa

Os interesados en asistir a esta xornada poden inscribirse na páxina web da Axencia Galega de Innovación

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2024

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional celebra o vindeiro 21 de novembro o evento anual de referencia do seu programa para atraer, retornar e reter talento investigador de primeiro nivel. O IV Encontro Oportunius reunirá na Cidade da Cultura a investigadores que contan co apoio deste programa da Xunta de Galicia para acceder ás axudas máis prestixiosas da Unión Europea (UE) á ciencia excelente, as que concede o European Research Council (ERC).

O obxectivo do programa Oportunius, que cumpre dez anos de traxectoria, é ofrecer oportunidades para desenvolver unha carreira científica de excelencia en Galicia, complementando as axudas do ERC e reforzando as opcións de acceso a elas.

Os detalles do programa poden consultarse na páxina web da Axencia Galega de Innovación, onde se atopa tamén a ligazón para que o persoal directivo, científico e xestor de universidades, centros de investigación e outras entidades do Sistema Galego de I+D poida inscribirse.

Participantes nos relatorios

O encontro comezará cun relatorio sobre o posicionamento de Galicia e España na captación destas axudas de referencia na UE da man do xefe do Departamento Científico do ERC, José M. F. Labastida. A continuación, cinco investigadores gañadores e finalistas de axudas ERC explicarán os avances dos seus proxectos en universidades e centros galegos e contarán a súa experiencia sobre os apoios recibidos do programa Oportunius.

A directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Izaskun Lacunza, expoñerá novos instrumentos de apoio á carreira científica e novas fórmulas de xeración de impacto desde a ciencia. Ademais, representantes de asociacións nacionais e internacionais de científicos compartirán a súa perspectiva sobre a atracción e o retorno de talento.

Data de actualización: 10/11/2024