Cetmar participa na organización do VI Sibecorp, un foro científico sobre as pesqueiras iberoamericanas que reunirá en Portugal a un cento de investigadores
O Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras terá lugar do 11 ao 15 de novembro na sede do IPMA en Lisboa
O congreso está promovido polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera xunto ao Instituto Español de Oceanografía, coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar como secretaría técnica da Rede Invipesca
Vigo, 10 de novembro de 2024
Un cento de investigadores pertencentes a mais de 35 institucións dunha ducia de países participarán do 11 ao 15 de novembro na sexta edición do “Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras-Sibecorp”, que se celebra en Portugal, e en cuxa organización participa o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, a través da secretaría técnica da Rede Invipesca.
O congreso está organizado polo Instituto Portugués do Mar e a Atmósfera (IPMA), xunto co Instituto Español de Oceanografía (IEO), e desenvolverase en formato mixto -presencial e virtual-, tendo como escenario a sede do IPMA en Algés, Lisboa.
Consolidado como un destacado foro de discusión científica para a promoción e a aplicación do enfoque de ecosistemas na avaliación das pesqueiras iberoamericanas, o obxectivo desta sexta edición é continuar enriquecendo o coñecemento nestas áreas temáticas.
O simposio facilitará así a posta en común dos últimos avances de investigación e a xeración de novas alianzas profesionais entre os participantes, investigadores procedentes de 12 países, como España, Portugal, México, Chile, Perú, Arxentina, Uruguai, Brasil, Ecuador, Panamá, Francia e Filipinas, que presentarán cerca dun cento de traballos en sesións orais e en pósteres.
A presentación deses traballos dividirase en catro sesións temáticas sobre estratexias reprodutivas de organismos acuáticos, potencial reprodutivo e resiliencia, recrutamento e éxito reprodutivo, e ecoloxía reprodutiva e manexo de pesqueiras. O programa previsto contempla ademais dous cursos presimposio os días 7 e 8 de novembro, e outro curso despois do congreso, concretamente o 18 de novembro.
Sibecorp é unha iniciativa da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira-Rede Invipesca, cuxa secretaría técnica é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e cuxas actividades están financiadas pola Consellería do Mar.
O Sibecorp celebrou a súa primeira edición na cidade de Vigo en 2009 e desde entón tiveron lugar outras catro edicións en Arxentina (2012), Brasil (2015), Chile (2018) e Colombia (2021) coa participación de representantes dunha ducia de países e a presentación de cerca de medio milleiro de traballos.
Como nas anteriores edicións, a celebración do SIBECORP responde á preocupación dos investigadores iberoamericanos por promover a colaboración entre os seus países, dada a importancia da pesca mariña e continental como recurso económico vital para América Latina, España e Portugal. Sobre esta base, o obxectivo principal do simposio é identificar e definir liñas de investigación de interese común e incentivar proxectos conxuntos que promovan a devandita cooperación en materia de investigación pesqueira.
A inscrición a esta nova edición do congreso segue aberta e é posible a través da páxina web do simposio, que reúne ademais toda a información relativa ao VI Sibecorp.
Rede Invipesca
Ademáis de participar na organización deste Simposio, e co apoio da Consellería do Mar a través do CETMAR, dende a Rede Invipesca desenvólvense outras accións que buscan enriquecer a colaboración entre Institucións de investigación mariña do ámbito xeográfico iberoamericano.
Neste sentido, dende a Rede elaborouse un mapa de investigadores e Institucións de Investigación no ámbito mariño en Iberoamérica e desenvolvéronse varias accións de intercambio para a elaboración dunhas liñas estratéxicas comúns. A rede tamén sirve de canle de difusión de diferentes liñas de financiación para a execución de proxectos.
Cara á elaboración das liñas de acción prioritarias durante os próximos tres anos, durante esta VI edición do Sibecorp celebrarase a Asemblea Anual da Rede Invipesca coa participación dos seus membros.