Os ciclos de hostalería do IES Sanxillao organizan un evento para probar o modelo gastronómico das food trucks
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou a iniciativa, que amosa ao alumnado “unha alternativa en auxe”, cada vez máis habitual en citas ou puntos turísticos
Lugo, 8 de novembro de 2024
Preto de medio cento de alumnos e alumnas dos ciclos de hostalería do IES Sanxillao protagonizan hoxe un evento culinario nunha food truck instalada na zona axardinada do instituto.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro e gabou esta iniciativa, “que lles permite achegarse a unha alternativa en auxe, perfectamente integrada noutros países e que aquí é cada vez máis habitual en citas como os festivais de música ou en puntos turísticos”. Ademais, é unha opción máis accesible para os posibles emprendedores que queiran iniciarse pola súa conta no negocio da restauración.
A furgoneta gastronómica comeza a servir comidas ás 14,00 horas e continuará ata as 17,00 horas. A oferta inclúe hamburguesas de vaca cachena, salchichas, elaboracións frías, sobremesas e xeados.
O instituto organizou esta práctica, auxiliada en todo momento polo profesorado, para estudantes do ciclo superior dual xeral de Dirección en Cociña, o ciclo medio dual xeral de Cociña e Gastronomía, o ciclo medio dual intensivo de Cociña e Gastronomía, e o ciclo medio dual intensivo de Servizos.
Igualmente, a ambientación do evento correu a cargo do alumnado do ciclo superior dual intensivo de Son para Audiovisuais e Espectáculos, unha titulación incorporada recentemente á oferta formativa do instituto.