A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto conmemorativo do 50 aniversario de Aibasa

Lorenzana destaca a capacidade de evolución e adaptación aos cambios como exemplo do espírito emprendedor das empresas familiares galegas

Subliña que os 50 anos de traxectoria de Aibasa son froito do esforzo colectivo, do seu compromiso e da súa visión de futuro

Sinala que esta empresa familiar é hoxe un referente no sector da venda, reparación e mantemento de vehículos

Pon en valor as medidas de apoio da Xunta para fomentar o crecemento e a competitividade do sector da automoción como o Plan Moves ou o Plan Renova o teu vehículo

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a capacidade de evolución e de adaptación aos cambios como exemplo do espírito emprendedor das empresas familiares galegas.

A conselleira asistiu ao acto conmemorativo do 50 aniversario de Aibasa, onde subliñou “que para o Goberno galego sempre é motivo de orgullo e celebración que ás empresas galegas lles vaia ben e por iso hoxe estamos celebrando 50 anos de esforzo colectivo, de compromiso e de visión de futuro”, dixo.

Neste sentido, Lorenzana apuntou que Aibasa foi crecendo e adaptándose aos cambios en base a unha máxima que a Xunta comparte plenamente “que é dar un paso máis cando algo está asentado para seguir evolucionando”. 

Así, destacou que a informatización, a modernización das instalacións e o compromiso constante do seu equipo foron a clave para que esta empresa familiar se convertese no referente que é na actualidade no sector da venda, reparación e mantemento de vehículos dentro da industria da automoción.

Durante a súa intervención, a titular de Economía e Industria puxo en valor a evolución das empresas familiares coma esta en Galicia, que representan o 92 % do tecido empresarial galego e o 86 % do emprego privado. Ademais, enxalzou que na Comunidade hai máis de 1.000 empresas dedicadas á venda, reparación e mantemento de vehículos.

Ademais, Lorenzana tamén explicou que  o Goberno é consciente do esforzo que realizan as pemes galegas e do papel crucial que desempeñan na economía e na sociedade de Galicia. 

Neste marco, aludiu ás medidas de apoio que puxo en marcha a Xunta para fomentar o crecemento e a competitividade deste sector, como o Plan Moves que xa vai na súa terceira edición cun orzamento de case 44 millóns de euros e que leva mobilizados 250 millóns, ou o Plan Renova o teu vehículo cun presuposto de 3 millóns de euros que mobilizou máis de 30 en vendas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2024