O presidente da Xunta participou no Foro Ancares, organizado por El Progreso de Lugo e Diario de León
Rueda defende un modelo de financiamento que permita prestar os mesmos servizos públicos en igualdade en toda España
Incide na necesidade de dar un novo impulso ás conexións do noroeste para favorecer o reequilibrio territorial
Pon en valor algunhas das medidas que está poñendo en marcha o Goberno galego para facer fronte ao reto demográfico, como a gratuidade das escolas infantís ou a Estratexia Retorna
Aposta por unha maior coordinación entre o Goberno central e as comunidades autónomas e demanda unha vez máis a celebración da Conferencia de Presidentes
Subliña que a axuda que se enviou á Comunidade Valenciana desde as autonomías podería ser moito máis efectiva se se coordinase a nivel estatal
Ponferrada (León), 12 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe que o novo modelo de financiamento autonómico teña en conta cuestións como a dispersión ou envellecemento, que afectan especialmente a territorios como Galicia e Castela e León, e que se impulsen de forma decidida as conexións do noroeste.
Así o manifestou esta mañá durante a súa participación no Foro Ancares, organizado polos xornais El Progreso de Lugo e Diario de León, e no que mantivo un debate co seu homólogo en Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco sobre cuestións como o financiamento autonómico, a demografía, o estado das infraestruturas, a industrialización ou o turismo.
Rueda recordou que tanto a dispersión como o envellecemento supoñen un sobrecusto que cifrou en arredor de 500 millóns de euros “para prestación de servizos básicos de obrigado cumprimento” e que ten que ser compensado. Avogou así mesmo por que o novo modelo se acorde nun marco multilateral e partindo dunha situación de igualdade entre as comunidades autónomas. Así, sinalou, “o modelo de financiamento ten que seguir garantindo unha solidariedade básica” e que “sigamos tendo o financiamento para seguir prestando un servizos que sexan iguais en toda España”.
O reto demográfico
O reto demográfico é unha das cuestións directamente relacionada co financiamento, e que afecta a Galicia e Castela e León, así como a un gran número de rexións españolas e europeas. Para facerlle fronte, Rueda puxo en valor algunhas das medidas que está poñendo en marcha o Goberno galego como a gratuidade das escolas infantís ou a Estratexia Retorna. Neste sentido, incidiu en que “non hai que renunciar a medidas de fomento da natalidade”, engadindo que estas teñen que complementarse coa atracción de poboación estranxeira, para o que cómpre que se axilicen os trámites a nivel estatal.
Impulso ás conexións do noroeste
No eido das infraestruturas, ambos presidentes coincidiron na necesidade de dar un novo impulso ás conexións do noroeste, tanto por estrada como as ferroviarias, e exemplificaron esa necesidade no Corredor Atlántico. Rueda fixo fincapé en que “hai que tomarse en serio as infraestruturas que conducen aos nosos territorios, que é como tomarse en serio os nosos territorios”, e sinalou que estas infraestruturas son claves para impulsar o reequilibrio entre as diferentes zonas.
Coordinación da axuda a Valencia
O presidente galego, quen apostou por máis coordinación co Goberno central, defendeu que o “Estado das autonomías mellorou moitísimo España”, achegando unha xestión económica “que se ocupa de prestar todos os servizos sen que iso supoña máis gasto”.
Apuntou tamén á necesidade de “estar coordinados” e ter interrelación respectando as competencias de cada quen, e indicou que a axuda que se enviou á Comunidade Valenciana desde as autonomías podería ser “moito máis efectiva” se se coordinase a nivel estatal. Rueda demandou unha vez máis a convocatoria da Conferencia de Presidentes: “Seguimos sen nin sequera ter unha data”, lembrou o responsable do Goberno galego.
Por último, Rueda e Mañueco referíronse ao potencial do turismo nas súas comunidades, onde ten unha especial relevancia o Camiño de Santiago. O presidente galego puxo en valor o peso económico do sector turístico, e apostou por seguir traballando na diversificación e desestacionalización, xa que, segundo dixo, o turismo “ben coidado e desenvolvido daranos moitas alegrías no futuro”.