O observatorio LGBTIQ+ aproba o protocolo para a atención de persoas deste colectivo nos Centros de Información á Muller

Esta ferramenta irá acompañada de accións de formación e sensibilización orientadas ao persoal dos CIMS

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024

O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (Observatorio LGBTIQ+) aprobou esta mañá o protocolo para a atención a persoas LGBTI nos Centros de Información á Muller (CIM).

Foi durante a sesión plenaria celebrada en Santiago de Compostela, presidida pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, quen trasladou o obxectivo da Xunta de estar máis próxima ás persoas LGBTI e ás asociacións que traballan a diario con todas elas. Ademais de darlle maior visibilidade e seguir apoiando propostas que que teñan como fin sensibilizar sobre o valor da diversidade sexual, como pode ser no rural galego. Para conseguir estes obxectivos, lembrou que o orzamento destinado ao apoio do movemento asociativo e sensibilización terá un incremento importante en 2025.

O protocolo ten como obxectivo dotar ao persoal dos CIM dunha ferramenta práctica para atender de maneira eficaz e respectuosa ás persoas usuarias destes centros pertencentes ao colectivo LGBTI, poñer en marcha actuacións de prevención ante condutas LGBTIfóbicas, canalizar as denuncias ante o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, así como programar accións nos centros educativos e concellos, para que actúen e se visibilicen como espazos seguros para o colectivo.

Con estes fins desenvolveranse para o persoal dos CIM accións de formación e sensibilización, que fomenten a comprensión das discriminacións e as barreiras que as persoas LGBTI enfrontan, e dirixir as súas accións a evitar tales situacións e a favorecer a inclusión efectiva nos centros onde son atendidas, recibindo atención integral.

Ademais, entre outros temas, no Observatorio presentouse un informe que mostra a realidade das persoas migrantes LGBTI. Neste pleno están representados diferentes departamentos da Xunta, da Fegamp, das universidades e de entidades sociais. Ademais, por primeira vez, estiveron convidadas a coordinadora dos Centros Quérote + e unha persoa representante do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2024