Máis de 1.200 nenos e nenas compiten en Sanxenxo no Cross de Xogade
O delegado territorial destacou a forte aposta da Xunta polo deporte base e felicitou a todos os docentes que apostan por este programa autonómico
Sanxenxo (Pontevedra), 13 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu hoxe a Sanxenxo onde máis de 1.200 nenos e nenas participaron no Campionato de Cross de Xogade.
A proba tivo lugar na contorna da praia de Montalvo e contou cun percorrido de entre os 450 e os 1.800 metros dependendo da categoría.
Os cativos e cativas de segundo a sexto de primaria puxeron a proba todo o mellorado nos adestramentos e competiron contra os seus compañeiros por alcanzar o primeiro posto.
Cabe destacar que esta iniciativa encadrase dentro do programa Xogade que busca levar o exercicio físico e a práctica deportiva aos centros escolares, ofrecendo unha alternativa cómoda e accesible ás familias que non teñen a oportunidade de fomentar o deporte fora do centro escolar.
O delegado territorial sinalou o enorme avance de Xogade nos últimos anos e lembrou que “esta é unha fantástica oportunidade para que os nenos e nenas galegos desenvolvan o amor polo deporte, á vez que se relacionan con estudantes de outros centros educativos”. Reguera tamén destacou o compromiso da Xunta de Galicia co deporte, “moi especialmente co deporte base” e agradeceu a colaboración de “todos os docentes que aproveitan os recursos que ofrece este programa”.
Ademais o delegado aproveitou a visita para lembrar dúas das principais partidas que se contemplan nos orzamentos da Xunta para o ano 2025 no concello de Sanxenxo. Neste sentido, a Xunta prevé un investimento de 545.000 euros para os departamentos dos usuarios do Porto e outra achega de 248.000 euros para realizar melloras no CEIP de Portonovo.
XOGADE
O programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) agrupa toda a oferta deportiva e lúdica, tanto escolar como federada, promovida pola Xunta co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlles á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade.
Neste sentido, o propio conselleiro de Deportes augurou esta mañá nunha visita á edición de Noia, que a actual tempada 2024-2025 manteña e mesmo supere as cifras da última convocatoria. Así, segundo os datos correspondentes á tempada 2023-2024, contabilizáronse case 148.000 escolares de 6 a 16 anos que supoñen o 60 % dos máis de 249.300 que hai en Galicia. En total, estes 148.000 escolares sumaron 184.500 participacións, das que máis de 110.219 participacións -case o 60 %- representan a actividade deportiva federada e as 74.290 restantes en actividade deportiva escolar.