A Xunta impulsa actividades de promoción da igualdade nos concellos rurais cunha achega de preto dun millón de euros ás Anpas
A directora xeral de Promoción da Igualdade participou no faladoiro proxecto Sementando Igualdade que organiza a Anpa do CEIP Cerdeiriñas de Piloño
Vila de Cruces (Pontevedra), 14 de novembro de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá nun coloquio cos alumnos do CEIP Cerdeiriñas de Piloño sobre a igualdade de xénero entre mulleres e homes. Así, destacou a importancia de realizar este tipo de actividades tamén nos centros educativos do rural para implicar aos máis pequenos nesta materia.
Este faladoiro é unha das actividades do proxecto Sementando Igualdade da Anpa Paxariñas e no que ademais da directora xeral participaron entidades culturais da zona como a Banda Artística de Merza e a asociación Vello dos Cornos. O obxectivo deste encontro é trasladarlle á comunidade educativa o papel da muller en diferentes ámbitos como a música ou o entroido tradicional.
O proxecto Sementando Igualdade da asociación de nais e pais deste centro é unha das iniciativas beneficiadas polas dúas liñas de axudas que a Xunta puxo en marcha para a promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero no seo da comunidade educativa. Neste senso, a directora xeral lembrou que estas achegas de preto dun millón de euros abranguen un total de 185 centros de toda Galicia.
O obxectivo destas actividades é fomentar a igualdade real e efectiva no seo da comunidade educativa e das familias. Estas accións pretenden reforzar a sensibilización e prevención neste eido, poñendo o foco nos máis pequenos e a súa contorna. Ademais, a directora xeral sinalou que é especialmente importante que estas iniciativas se desenvolvan tamén nos municipios máis rurais.
María Quintiana tamén sinalou que a promoción da igualdade é especialmente importante entre as xeracións moi novas porque son a base para acadar unha sociedade libre de violencia contra as mulleres, por iso agradeceu o labor que desenvolven as asociacións de pais e nais dos centros educativos neste eido. Así mesmo, a directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia traballa cada día para que a nosa comunidade sexa un referente nesta materia.