A Xunta impulsa melloras no parque infantil de Cantodarea en Marín cunha achega de 35.000 €

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o espazo para coñecer o resultado das accións executadas no marco da Orde de infraestruturas de uso público

Renováronse os elementos de xogo e o pavimento para garantir a seguridade deste espazo de lecer familiar

Marín (Pontevedra), 14 de novembro de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o parque infantil de Cantodarea en Marín para coñecer as melloras realizadas coa colaboración da Xunta. As obras contaron cunha achega autonómica que ascendeu a 35.000 euros no marco da Orde de infraestruturas de uso público e que permitiu o acondicionamento de todo o parque infantil coa renovación do pavimento de caucho e a reparación dos elementos de xogo.

A directora xeral destacou a importancia de apoiar os concellos na mellora de infraestruturas, especialmente cando se trata de espazos que contribúen a unha mellor calidade de vida das familias e da rapazada, como é o caso dos parques infantís. “Trátase de puntos de encontro e de lecer cun elevado nivel de uso, o que fai que precisen dunha renovación periódica que non pode agardar”, afirmou.

Natalia Prieto apuntou que de feito as obras para melloras en parques infantís foron as máis demandadas polos concellos galegos este ano ao abeiro da Orde de infraestruturas, con 46 proxectos que supuxeron un investimento global por parte da Xunta de case 1,5 millóns de euros. As actuacións en edificios ou dependencias municipais e a pavimentación de camiños foron outros dos proxectos máis presentados, con 26 en cada un dos casos e uns investimentos globais de 784.000 e 926.000 euros respectivamente.

Con respecto a esta liña de axudas, a directora xeral lembrou que a Xunta investiu este ano 3,5 millóns de euros para impulsar máis dun cento de proxectos municipais en toda Galicia, unha vintena deles en Pontevedra como é o caso de Marín.

A esta medida engádeselle ademais o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros de orzamento, e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, con 5 millóns de euros. Como novidade este ano, os concellos dispuxeron tamén dunha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento superior aos 5,2 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.

A través do conxunto de liñas convocadas en 2024 investíronse 24 millóns de euros no impulso a preto de 700 proxectos municipais, no marco do compromiso do Goberno galego co eido local.

Investimento de 700.000€ en Marín 

No que respecto ao concello de Marín, a colaboración da Xunta no impulso aos seus proxectos municipais no marco destas medidas sumou nos últimos anos preto de 700.000 euros. Entre as actuacións financiadas polo Goberno galego figuran a adquisición de vehículos para servizos municipais, a contratación de socorristas ou melloras no alumeado público. A maiores neste exercicio este concello recibiu máis de 700.000 euros do fondo base de Fondo de Cooperación Local, a mesma contía que está prevista para 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/11/2024