A Xunta organiza este verán en Portomarín campamentos de aventura con 250 prazas para nenos e nenas de 9 a 11 anos

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe aos participantes nas actividades, que se desenvolven en cinco quendas durante os meses de xullo e agosto

Portomarín (Lugo), 17 de xullo de 2026

A Xunta organiza este verán no albergue Benigno Quiroga de Portomarín o campamento xuvenil A miña primeira aventura, destinado a rapaces e rapazas de 9 a 11 anos. Durante os meses de xullo e agosto desenvolveranse cinco quendas con 250 prazas.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe as instalacións, nas que se está a desenvolver unha ampla proposta de actividades deportivas, de natureza, xogos e  outras alternativas de ocio saudable para os nenos e nenas.

Así, o programa inclúe saídas en bicicleta, práctica de tiro con arco, slackline, construcións naturais e técnicas de vivac, aula da natureza, obradoiro de conservación do medio e reciclaxe, xincana de aventuras, piscina, xogos acuáticos, ciencia divertida e excursións pola zona.

Ademais, o albergue acollerá ao longo do verán outra quenda de 50 prazas dentro da oferta concertada, pola que a Xunta cede instalacións para levar a cabo programas de ocio e tempo libre organizados sen ánimo de lucro.

Villares destacou que a campaña Modo Verán Activo promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude oferta este ano 2.593 prazas en campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado que se desenvolven na provincia de Lugo. 

No conxunto de Galicia, a cifra supera as 11.900 para nenos e mozos dende os 9 ata os 30 anos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2026