O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste ao acto de entrega dos XXXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística na Estrada
López Campos salienta o “compromiso da nosa sociedade” coa lingua e cultura galegas
Destaca o “importante papel das entidades e persoas a nivel individual na normalización e promoción do uso do galego, contribuíndo ao seu prestixio”
Lembra os avances no Pacto pola Lingua con xuntanzas nos últimos días con diferentes institucións como o Consello da Cultura Galega
Neste senso, incide “no traballo conxunto como mellor forma de que a cidadanía se sume ao proceso e lle dea valor ao idioma”
A Estrada (Pontevedra), 14 de novembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na Estrada no acto de entrega dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística que, apuntou, “seguen a recoñecer ano tras ano o compromiso da sociedade coa nosa lingua e coa nosa cultura, contribuíndo ao prestixio do idioma en ámbitos moi diversos”.
Así, o representante da Xunta salientou, máis alá da responsabilidade das Administracións, “o papel tan importante que teñen as persoas a nivel individual e as entidades no sentido de normalizar e promover o uso da lingua”. Deste xeito, agradeceu “o labor da cidadanía en xeral neste eido” e felicitou en particular aos galardoados nesta trixésimo cuarta edición dos premios polo “seu bo facer a prol do galego e de Galicia”.
Este ano recibiron este recoñecemento polo uso, promoción e difusión da lingua galega o grupo empresarial estradense Valenciaga, dedicado á hostalería, na categoría de Comarca Tabeirós-Terra de Montes, mentres que o narrador, escritor e dinamizador cultural lalinense Celso Sanmartín recibiu a distinción no apartado Galicia enteira. Pola súa banda, a agrupación tradicional lucense Cántigas e Frores foi premiada por Unha vida enteira pola súa preservación da cultura galega ao longo de 75 anos.
Avances no Pacto pola Lingua
Neste escenario, López Campos lembrou o camiño iniciado tanto cos grupos parlamentarios como con distintas institucións para avanzar no Pacto pola Lingua co obxectivo de impulsar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade. Esta é unha mostra, puntualizou, “da importancia que temos todos neste proceso de incentivar o uso da nosa lingua e darlle o valor que merece”, afirmando que “o traballo conxunto, tanto das forzas políticas como das distintas entidades implicadas, é a mellor forma de que a cidadanía se sume á iniciativa”.
Así, o responsable de Lingua do Goberno galego vén de reunirse nos últimos días coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e co arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, ademais de manter unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Encontros que, dixo, “nos permiten avanzar en distintas propostas que abranguen eidos moi distintos e cos que chegamos a moi diversos grupos de poboación e diferentes sectores nos que queremos reforzar a presenza do galego”.
Estas conversas veñen suceder ás primeiras tomas de contacto coas distintas formacións representadas no Parlamento, ás que a Xunta lles presentou un documento de base con distintas accións a prol da lingua coa intención de darlle forma coas achegas dos entes implicados. Unha folla de ruta que inclúe entre os seus obxectivos unha actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, ademais de concretar un paquete de 50 medidas transversais que abranguen o eido dixital, a mocidade, as persoas chegadas do exterior ou o fenómeno do neofalantismo.
Entre as últimas propostas do Executivo autonómico, tal e como recordou López Campos, tamén está a intención de declarar no 2025 o Ano Castelao con motivo do 75 aniversario do intelectual, e co que, resaltou, “temos por diante unha grande oportunidade de celebrar a nosa cultura e que o ano que vén sexa o ano de Galicia e o ano da nosa lingua”.