A Xunta acorda cos 18 concellos da área de transporte metropolitano de Santiago prorrogar o convenio para os próximos catro anos
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu esta mañá a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área, que suporá unha achega anual de 1,2M€ por parte da Xunta e 288.000 euros dos municipios que a integran
O Goberno galego continuará financiando os descontos do 80% nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024
A Xunta e os 18 concellos da área de transporte metropolitano (ATM) de Santiago acordaron hoxe prorrogar o convenio para os próximos catro anos, segundo se acordou na comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano desta área que presidiu a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela e á que asistiu tamén a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Así, a Xunta destinará máis de 1,2 millóns de euros ao ano, o 80% dos 1,5 millóns do importe total do acordo, mentres que os 18 municipios da área achegarán os 288.000 euros anuais restantes.
A prórroga deste acordo súmase aos previstos nas áreas de Lugo -que xa celebrou a súa comisión de seguimento esta semana-, Ferrol e A Coruña, cun investimento total nas catro áreas de case 6,4 millóns, dos que 5 millóns corresponden á Xunta. A medida garante o mantemento das bonificacións nas tarifas do autobús metropolitano aos viaxeiros de 55 concellos das áreas das catro cidades, entre eles os 18 da área compostelá.
Cómpre destacar que a ATM de Santiago é unha das que concentra maior oferta de servizos e inclúe aos concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, A Estrada, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, O Pino, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Estes municipios están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 429 liñas, que prestan servizo en máis de 5.800 paradas e nas que se ofrecen máis de 360.000 servizos ao ano en máis de 13 millóns de quilómetros de servizo.
No marco deste convenio, a Xunta continuará a financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%.
Canto á evolución da demanda, rexistráronse case 3 millóns de viaxes en 2023, das que o 90% se abonaron a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG).
Ademais, a veciñanza dos concellos desta área pode beneficiarse dos descontos da Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG) -desde a posta en marcha en setembro de 2022 da bonificación do 50% financiáronse máis de 5,2 millóns de viaxes por máis de 2,3 millóns de euros- ás que se suma a gratuidade de 60 mensuais gratuítas no transporte interurbano en Galicia para menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e para os maiores de 65 anos coa Tarifa +65.
Ao longo deste mes estanse a convocar a comisión de seguimento das catro áreas -esta semana celebráronse as de Lugo e Santiago de Compostela- para escoitar aos concellos e, como lembrou hoxe a directora xeral, prevese que o organismo se reúna cada seis meses para avaliar o convenio.