Un total de 70 profesionais galegos reciben formación sobre financiamento comunitario a través do programa ‘TecEuropa’ da Fundación Galicia Europa
Medio cento de persoas inscribíronse na modalidade en liña e outros 20 participaron de maneira presencial en Bruxelas na viséximo primeira edición do curso
As persoas participantes afondaron nas vías para acceder ao financiamento comunitario por parte de diferentes especialistas e visitaron as principais institucións comunitarias
Bruxelas, 16 de novembro de 2024
A Fundación Galicia Europa acolleu esta semana en Bruxelas unha vintena de profesionais galegos de entidades públicas e privadas no marco da XXI edición do programa TecEuropa, o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia. A participación acadou as 70 persoas, xa que outro medio centro de participantes inscribíronse na modalidade en liña. A maioría das persoas participantes proceden de entidades do ámbito público como concellos, deputacións, administración autonómica ou universidades.
A Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos, encargouse de dúas sesións formativas con claves para presentarse a convocatorias de programas como Erasmus ou Life, ademais de consellos xerais para preparar as candidaturas. Pola súa parte, unha representante da Comisión Europea presentou o Portal de Financiamento Comunitario (EU funding and Tenders Portal), con recomendacións para a súa utilización.
Os participantes puideron visitar catro institucións comunitarias. No Consello, asistiron á explicación sobre o seu papel como colexislador europeo e como motor estratéxico da UE. Na Comisión Europea explicouse o seu papel como executivo comunitario e fíxose especial fincapé na política europea de cohesión e a súa aplicación en Galicia. No Parlamento Europeo puideron coñecer os eurodeputados galegos durante unha visita guiada. Finalmente, no Comité Europeo das Rexións aprenderon sobre o seu funcionamento e a participación de Galicia.
O curso rematou cunha sesión de conclusións a cargo da propia Fundación Galicia Europa, na que se afondou no labor desta entidade como oficina de representación dos intereses galegos perante a UE.
Case unha década de TecEuropa
TecEuropa é o programa de especialización en financiamento comunitario que a Fundación Galicia Europa organiza desde hai nove anos. O obxectivo é proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e privadas de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles. Ademais, búscase fomentar a existencia dunha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver proxectos conxuntos.
Dende o seu lanzamento en 2015, TecEuropa reuniu máis dun milleiro de participantes: case 200 nas primeiras edicións presenciais, celebradas ata 2019, e máis de 900 nas dez edicións virtuais celebradas desde 2020. Nesta XXI edición ofreceuse un novidoso formato híbrido.