A Consellería do Mar entrega máis de 500.000 unidades de semente de ameixa babosa procedente do IGAFA á confraría de Camariñas

A Xunta continúa facilitando semente producido polos centros autonómicos ao sector co obxectivo de reforzar a rexeneración dos bancos marisqueiros

Camariñas (A Coruña), 18 de novembro de 2024

A Consellería do Mar fixo unha nova entrega de semente ao sector marisqueiro en Camariñas de máis de 500.000 unidades de ameixa babosa criada no Instituto Galego  de Formación en Acuicultura (IGAFA) na Illa de Arousa por titulados nos ciclos formativos de acuicultura e que están a realizar prácticas e produción de cría de bivalvos cunha bolsa da Consellería do Mar.

Ata alí se desprazou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, que participou nas tarefas de instalación dos exemplares, 15 bolsas de malla de exemplares cunha talla de 6-7mm e 9 bolsas de malla de exemplares de 7-9mm, en estruturas onde continuarán o proceso de engorde durante ao redor de 3 meses ata que alcancen o tamaño óptimo para a súa reinstalacións nos bancos marisqueiros da zona.

A directora xeral puxo en valor o traballo que se desenvolve desde o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) como polo Igafa, ambos dependentes da Consellería do Mar, no ámbito da investigación e da formación, contribuíndo ao fornecemento e competitividade do sector. Así, resaltou a produción de semente de bivalvo en ambos centros que periodicamente é entregada ás confrarías co obxectivo de rexenerar as zonas produtivas.

Nesta liña, recordou que desde o Goberno galego se leva tempo realizando accións en apoio do sector marisqueiro de Camariñas coa realización numerosos estudos de avaliación e tarefas de rexeneración promovidas pola Xunta desde o 2014. Entre eles, se realizou un estudo das zonas despois do cal se procedeu á remoción de substrato na área de sedimentación de finos cunha superficie de máis de 31.000 m2 así como o traslado de xuvenís de berberecho e a limpeza de algas e control de depredadores. No 2016 realizouse unha retirada manual de mexillón das zonas afectadas pola colonización desta especie retirando 100 m3.. Uns traballos que se repetiu no 2019 nunha superficie de preto de 2.500 m2..

A estas actuacións hai que sumar a entrega á confraría de Camariñas desde o ano 2022 diversos lotes de semente procedente  do minicriadeiro do Vicedo, dependente do CIMA-Ribadeo, e do Igafa sumando un total de 70.900 unidades de ameixa fina, 200.400 unidades de ameixa babosa e 143.600 de ameixa xaponesa co obxectivo de realizar novas sementeiras, no marco das medidas de rexeneración dos bancos marisqueiros da zona.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/11/2024