A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha pregunta oral sobre este centro

A Xunta reitera que os servizos de inspección constatan que a atención e o servizo prestado no CAPD Souto de Leixa de Ferrol é correcto

Fabiola García lembrou que o vindeiro ano este centro de atención a persoas con discapacidade será xestionado por unha entidade social

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta mañá a unha pregunta oral no Parlamento de Galicia sobre o Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade (CAPD) Souto de Leixa, situado en Ferrol. Na súa intervención, incidiu en que o centro pasa as correspondentes inspeccións e que non se ten constatado ningún incumprimento na prestación do servizo. 

Fabiola García lembrou, ademais, que nestas inspeccións avaliase o servizo prestado, as ratios de persoal e constatase o benestar dos usuarios. E engadiu que neste centro realizáronse obras de reforma por un importe que ascende a máis de 1,1M€, entre as que destaca a dotación dun vaso terapéutico.

A  conselleira tamén destacou que, tal e como xa lle foi avanzado aos familiares das persoas usuarias, o centro será xestionado a partir do vindeiro ano por unha entidade social, é dicir unha entidade sen ánimo de lucro. Unha xestión que, ademais de garantir a continuidade do servizo, continuará garantindo unha atención de calidade aos usuarios.

Por último, Fabiola García lembrou que en 2025 a Xunta destinará un total de 180,6M€ á atención ás persoas con discapacidade, case un 5% máis que neste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2024