Belén do Campo comproba as obras de mellora da cuberta no IES de Oroso que contan cun investimento de case 50.000 €

A delegada da Xunta visitou o IES de Oroso, onde a Xunta executa actuacións para mellorar as instalacións e o confort da comunidade educativa dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

A Coruña, 17 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde, Alexander Doval,  visitou hoxe o IES de Oroso, para comprobar o avance das actuacións de mellora que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no centro, no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co obxectivo de seguir modernizando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa.

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.

No IES de Oroso estase a executar a reparación da cuberta e dos paneis de policarbonato, cun orzamento de case 50.000 euros, actuación destinada a mellorar a conservación do edificio e o confort das instalacións.Esta actuación lebarase a cabo durante o mes de agosto.

A delegada lembrou tamén que a Xunta vai anvestir No CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés onde se executará a construción dun peche lateral da pista deportiva, cun investimento de case 50.000 euros, unha actuación que permitirá incrementar a seguridade das instalacións e mellorar as condicións de uso deste espazo exterior. Ademais, estanse a realizar diversas reparacións e traballos de mantemento no centro, co fin de garantir o seu correcto funcionamento.

En total, a Consellería de Educación destina preto de 100.000 euros a estas actuacións nos dous centros educativos de Oroso, reafirmando o compromiso do Executivo autonómico coa conservación e modernización das infraestruturas educativas do municipio.

Belén do Campo enmarcou estas intervencións no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia, unha estratexia que establece criterios de calidade ambiental, accesibilidade, inclusión, eficiencia enerxética, saúde e benestar para a construción, ampliación e rehabilitación dos centros educativos públicos galegos, adaptando os espazos ás novas metodoloxías de aprendizaxe e ás necesidades actuais da comunidade educativa.

A representante da Xunta destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro.

Finalmente, Belén do Campo reiterou que a Xunta continuará impulsando actuacións de mellora nos centros educativos da provincia da Coruña, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións modernas, seguras e adaptadas ás necesidades do alumnado e do profesorado.



Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2026