Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e FP inauguraron este ben emblemático do Concello de Lalín, tras concluír as obras

A Xunta remata a restauración da Casa de Don Álvaro coa que recupera un dos bens máis icónicos e significativos do concello de Lalín

López Campos salienta o compromiso do Goberno galego coa posta en valor deste inmoble “tras un investimento de máis de 1,2 M€”

Avanza que funcionará como contedor sociocultural vencellado ao turismo e gastronomía locais, á vez que acollerá actividades sociais e formativas

Enxalza que o edificio manteña as características construtivas e arquitectónicas que “fan del un edificio emblemático e representativo do municipio”

A inauguración coincide co inicio das Festas das Dores, que tivo ao director xeral de Turismo de Galicia como pregoeiro

Lalín (Pontevedra), 18 de outubro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a restauración levada a cabo pola Xunta da Casa de Don Álvaro como a “recuperación dun dos bens máis icónicos e significativos” do concello de Lalín. Fíxoo na inauguración deste inmoble, xunto co titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e acompañados polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, tras concluír as obras para a súa posta en valor cun investimento do Goberno galego de máis de 1,2 millóns de euros.

“Recuperámolo como merece para o concello, a súa veciñanza e toda a comarca do Deza”, aseverou o representante do Goberno galego en referencia ao “importante valor” deste edificio, datado en 1913, e que está incluído no Catálogo do Patrimonio cultural de Galicia. Neste senso, fixo fincapé en que, tras a intervención, o inmoble mantén as súas características construtivas e arquitectónicas, así como daqueles elementos decorativos e mobiliario “que fan del un edificio emblemático e representativo do municipio”, incidiu.

O conselleiro lembrou que, tras un convenio de colaboración co concello para levar a cabo estas obras e fixar plan de usos, as actuacións de restauración deron comezo en abril de 2024 co obxecto de “devolverlle todo o esplendor” a este edificio “emprazado no centro neurálxico, comercial e simbólico do conxunto urbano de Lalín”. Nese senso, destacou que a Casa de Don Álvaro ten acollido “establecementos emblemáticos da vila”, entres os que apuntou unha chocolatería, unha ferraxería ou o Banco Pastor. “Restauramos, por tanto, unha parte importante da memoria lalinense”, resumiu.

Novos usos

López Campos explicou que as actuacións de rehabilitación que se levaron a cabo por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conseguiron resolver os problemas provocados polo paso do tempo e a falta de uso “co fin de recuperar este edificio icónico da comarca do Deza e poñelo ao servizo da veciñanza e dos visitantes e que vai contar con novos usos culturais, sociais e turísticos”.

Deste xeito, unha vez agora finalizada a restauración, o responsable de Cultura da Xunta avanzou que a intención é que o inmoble funcione como un contedor sociocultural vencellado ao turismo e gastronomía locais, á vez que acollerá actividades sociais e formativas.

Actuacións  

O obxectivo das intervencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude centráronse principalmente en solucionar as patoloxías construtivas causadas pola entrada de auga, o exceso de humidades, o deterioro e o insuficiente illamento térmico das fachadas e a cuberta. Para iso, as actuacións, ao longo deste tempo, estiveron encamiñadas á mellora das canalizacións e a impermeabilización, a reparación dos danos na zona da galería principal e o reforzo da estrutura de madeira de todo o edificio mediante o aporte de novas pezas e o suplemento de vigas.

As obras tamén procuraron recuperar as vigas e viguetas afectadas pola humidade e insectos, así como das carpinterías de madeira exteriores incorporando un dobre cristal que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Con este mesmo obxectivo, executouse un drenaxe perimetral na zona do xardín e a incorporación dun un novo illamento térmico na cara interior das fachadas e a cuberta.

Os traballos completáronse cunha nova instalación eléctrica, de iluminación e climatización e coa recuperación do espazo orixinal do baixo. Ademais, tras a restauración, tamén conta cun ascensor, en cumprimento das normas de accesibilidade e ao abeiro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Inicio das Festas das Dores

A inauguración coincide coas Festas das Dores, das que precisamente foi pregoeiro o director de Turismo de Galicia. Neste senso, Xosé Merelles puxo en valor o traballo que está a realizar Lalín para consolidarse como destino turístico, destacando a capacidade do municipio para converter as súas tradicións e o seu patrimonio nunha proposta turística ligada a súa identidade.

Tamén subliñou o papel da gastronomía, os dous Camiños de Santiago que atravesan o municipio, o patrimonio e a hospitalidade dos seus veciños como elementos que permiten a Lalín proxectarse como un destino “que sabe ser moderno sen deixar de ser el mesmo”. Xosé Merelles destacou tamén o crecemento experimentado polo xeodestino e sinalou que este resultado é froito de anos de traballo e dunha aposta por un turismo que “non renuncia a vosa esencia”.

Data de actualización: 18/09/2026