Belén do Campo puxo en valor a campaña de ‘Volta ao Cole’ no marco do apoio da Xunta ás accións de dinamización da asociación de empresarios de Ribeira
En colaboración coa campaña Com-pensa do Goberno galego entregaronse bolsas de tea na praza do Concello por cada billete presentado, ata fin de existencias
Ribeira (A Coruña), 18 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao presidente da Asociación de empresarios Ribeira, Francisco Martínez e concelleiros de Ribeira, participaron hoxe no acto central da campaña de Volta ao cole impulsada pola Asociación de empresarios Ribeira e apoiada pola Xunta no marco do programa de dinamización dirixido a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal. Neste senso, a delegada da Xunta apuntou que esta campaña xurdiu co obxectivo de dinamizar as compras durante o regreso ás aulas e poñer en valor a importancia do comercio de proximidade.
En concreto, esta acción se desenvolveu do 9 ao 18 setembro e rematou este venres, cunha actividade especial co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade e premiar o consumo nos establecementos asociados
Na xornada de hoxe con cada billete de compra ou consumición presentada, os clientes puideron realizar unha tirada para optar a diferentes agasallos e vales ata esgotar as existencias. De forma paralela, a patronal sorteou 100 euros repartidos en dous premios de 50 euros en vales de compra. Para participar nesta promoción foi necesario rexistrar o xustificante a través do código QR oficial da iniciativa ou na páxina web da organización.
Como colofón durante esta xornada ademais, en colaboración coa campaña Com-pensa da Xunta, entregaronse bolsas de tea na praza do Concello por cada billete presentado, ata fin de existencias, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.30 horas.
Na visita a delegada puxo en valor o respaldo do Goberno galego a estas entidades a través de axudas ao seu labor coas que na convocatoria deste ano se apoiaron un total de 56 entidades de toda Galicia cun valor total de axuda de 2,35 M€, entre elas a axuda de 52.000 euros recibida pola Asociación de Empresarios de Ribeira, incluída nas 18 da provincia da Coruña con case 733.000 euros en apoios e concretamente na comarca do Barbanza contaron con estas achegas 5 asociacións de Ribeira, Boiro, A Pobra, Noia e Rianxo por un importe de máis de 234.000 euros. A delegada animou á clientela local a seguir mercando no comercio de proximidade o material preciso para o curso escolar que acaba de comezar.