A Xunta pon en valor a Festa Final da Campaña Extraordinaria ‘Boiro Xoga’ a prol do comercio local

O director xeral de Comercio e Consumo asistiu á clausura da iniciativa da Asociación Boirense de Empresas, integrada no pulo autonómico ao sector comercial a través de cinco campañas extraordinarias apoiadas coa orde para centros comerciais abertos

Gabriel Alén salientou a capacidade que —durante dúas semanas— mostrou ‘Boiro xoga’ de unir comercio, ocio e participación cidadá en beneficio dos negocios locais

Boiro (A Coruña), 19 de setembro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á festa final de Boiro xoga, a campaña promovida pola Asociación Boirense de Empresas (ABE) no marco do pulo que busca darlle a Xunta ao sector comercial cun total de cinco iniciativas extraordinarias que resultaron as mellor valoradas na convocatoria para centros comerciais abertos. Unha convocatoria que permitiu apoiar un total de 56 CCA de toda Galicia cun investimento global superior aos 2,35 M€, incluídos os case 100.000 euros dirixidos a esas cinco campañas extraordinarias como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.

No caso boirense, durante dúas semanas o protagonismo na localidade foi para o xogo de mesa creado especificamente arredor das rúas, espazos e negocios da vila. A clientela puido conseguir o Boiro xoga a través dun sistema de puntos e tamén participar na versión do xogo online a través da web da ABE ou dos códigos QR visibles nos postos que se instalaron para dar a coñecer a campaña.

A maiores, os establecementos participantes entregaron vales de xogo por cada compra igual ou superior a 20 euros. Estes vales estaban destinados a utilizarse durante a gran festa final de hoxe na praza do Concello, co gallo de participar no panel de premios, acceder ás actividades infantís e desfrutar dunha degustación gastronómica.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2026