A Xunta entrega os diplomas aos 20 alumnos que remataron a formación no obradoiro de emprego de Monforte de Lemos
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que en decembro incorporaranse novos participantes que continuarán reformando as naves e o recinto da escola obradoiro da Pinguela
Ambos proxectos suman un investimento de 952.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Monforte de Lemos (Lugo), 20 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia fixo hoxe entrega dos diplomas aos 20 alumnos-traballadores que remataron a súa formación no obradoiro de emprego de Monforte de Lemos. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou “a mellora da empregabilidade” que supuxo para os participantes e “as melloras realizadas en dotacións públicas”, neste caso as naves da propia escola obradoiro da Pinguela.
Arias lembrou que nas vindeiras semanas tomará o relevo un novo proxecto, que proporcionará oportunidades laborais a outras 20 persoas desempregadas e continuará coa reforma da sede que acolle os obradoiros de emprego do municipio. Manterá as especialidades de Traballos de carpintaría e moble e Fábricas de albanelería.
As dúas iniciativas suman un investimento de 952.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Nesta cantidade inclúense incentivos á contratación, para que seis alumnos poidan incorporarse durante un mínimo de tres meses a unha empresa local deses sectores unha vez finalizado o período formativo.
Durante o último ano, o alumnado traballou na rehabilitación das antigas naves da escola e na restauración de mobiliario para uso público, como papeleiras, cadeiras, bancos ou varandas.
Os obradoiros de emprego pretenden mellorar as perspectivas profesionais de persoas desempregadas mediante un contrato de traballo que lles facilita a súa primeira experiencia laboral en sectores con elevada demanda laboral. Son promovidos polos concellos e financiados pola Xunta de Galicia.