O Servizo Galego de Saúde publica o baremo do concurso e as persoas seleccionadas no proceso para o ingreso de persoal estatutario fixo na categoría de enfermeiro
Na categoría de enfermería resultaron seleccionadas 1.556 persoas mediante o sistema de concurso oposición
Publícase tamén a baremación provisional de 15 categorías de persoal estatutario nas cales se ofertan 924 prazas mediante concurso oposición
Estes procesos selectivos encádranse dentro da estabilización do persoal temporal e teñen por obxecto reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia por debaixo do 8 %
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións definitivas da fase de concurso e as persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría de enfermería.
Ofértanse un total de 1.556 prazas na categoría de enfermeiro, das cales 1.135 corresponden á quenda de acceso libre, 332 á de promoción interna e 89 á quenda de discapacidade xeral. As prazas non cubertas a través das quendas de promoción interna e de discapacidade xeral, acumularanse á quenda libre.
A estas prazas ofertadas polo sistema de concurso-oposición, hai que engadirlle as 459 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, proceso que xa foi resolto no mes de novembro de 2023.
Sumando a totalidade das prazas resultan un total de 2.015 novas prazas de enfermeiro que se estabilizan no Sistema Público de Saúde de Galicia.
As puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
A media de idade das persoas seleccionadas neste proceso selectivo é de 42 anos e o 89 % son mulleres.
Coa publicación desta resolución ábrese un prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 22 de novembro ao 23 de decembro), para que as persoas que foron seleccionadas no proceso presenten a seguinte documentación: declaración de non ter sido separado do servizo mediante expediente disciplinario de calquera servizo de saúde ou administración pública, certificado médico, certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos de non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, e declaración xurada de non ter a condición de persoal estatutario fixo na mesma categoría á que opta.
Os aspirantes que accederon pola quenda de discapacidade xeral, de ser o caso, deberán presentar ademais a documentación que acredite que seguen mantendo esta condición.
Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase a disposición dos aspirantes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde no apartado de emprego público, os modelos de declaración e de autorización de consulta de datos no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos.
Baremación provisional no concurso oposición de 15 categorías
Tamén se publica no Diario Oficial de Galicia de hoxe a resolución coas puntuacións provisionais da fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso en 15 categorías de persoal estatutario.
Ofértanse un total de 924 prazas en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario, sanitario non licenciado e de xestión e servizos.
Das prazas ofertadas, 306 corresponden á categoría de celador, 61 á de enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria, 32 a enfermeiro especialista en enfermaría pediátrica, 46 a enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía, 31 a enfermeiro especialista en saúde mental, 10 a enxeñeiro técnico, 70 a fisioterapeuta, 318 ao grupo auxiliar da función administrativa, un a médico de admisión e documentación clínica, 17 a odontólogo de atención primaria, dous a técnico superior en hixiene bucodental, 12 a técnico superior en imaxe para o diagnóstico, un a técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, un a técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e seis á categoría de terapeuta ocupacional
Da totalidade das prazas ofertadas, 468 corresponden á quenda de acceso libre, 372 á de promoción interna, 59 á de discapacidade xeral e ofértanse 15 prazas na categoría de celador pola quenda de discapacidade intelectual.
As prazas non cubertas a través das quendas de promoción interna e de discapacidade xeral, acumularanse á quenda libre.
Presentáronse aos procesos selectivos un total 15.344 persoas aspirantes, das cales aprobaron a fase de oposición 11.018 persoas o que supón unha porcentaxe de aprobados de preto do 72 %.
As puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polos aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Contra os resultados da baremación provisional, os aspirantes poderán presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, é dicir do 22 de novembro ao 5 de decembro.
A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin de recursos.
Información procesos estabilización persoal estatutario
O Servizo Galego de Saúde, con esta resolución, ten publicado xa a baremación provisional dos procesos de estabilización convocados por concurso oposición de todas as categorías, un total de 55, convocadas mediante este procedemento, agás na categoría de enfermaría da cal xa se publican as persoas seleccionadas que terán que presentar a documentación requirida antes de elixir destino e tomar posesión.
Os procesos de estabilización convocados polo procedemento de concurso de méritos para un total de 97 categorías de persoal estatutario están nunha fase máis avanzada e xa finalizou o proceso para as categorías de enfermería (459 prazas), médico de familia de atención primaria (42 prazas), persoal de servizos xerais (17) e técnico en coidados auxiliares de enfermería (277) incorporándose como persoal fixo do Sistema Público de Saúde de Galicia 795 profesionais.
Do resto de categorías está previsto publicar en vindeiras datas a baremación definitiva e a lista de persoas seleccionadas.
Estes procesos de selección teñen por obxecto reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia, para acadar unha taxa por debaixo do 8 %, como marca a Lei 20/2021, do 28 de decembro de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.