O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na xornada ‘Implementación de un nuevo modelo de educación 0-6 de calidad’

A Xunta destaca o seu modelo pioneiro de gratuidade das escolas infantís nun encontro con representantes doutras comunidades autónomas

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, trasladou as tres modalidades de atención infantil que ten o Executivo galego entre as que destacou as casas niño

Ademais sinalou que a nosa comunidade é líder en escolarización de 0 a 3 anos no conxunto do Estado

Barcelona, 21 de novembro de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na xornada de traballo Implementación de un nuevo modelo de educación 0-6 de calidad na que explicou o modelo de educación infantil de Galicia ao resto de representantes desta materia do conxunto do Estado.

Jacobo Rey destacou que Galicia conta con distintos modelos de atención a nenos e nenas e que pretende adecuarse ás necesidades de cada parte do territorio. Así, recalcou que ademais das escolas infantís, na nosa comunidade creáronse os Puntos de Atención á Infancia (PAI) que contan con titularidade municipal e que dan servizo ás familias con menores de ata 3 anos naqueles concellos de ata 5.000 habitantes.

Nesta liña, o director xeral trasladou ao resto de representantes o éxito das casas niño, uns recursos creados para dar servizo aos concellos máis pequenos e rurais de Galicia. Neles ofrécese atención tamén diúrna para os nenos e nenas, cunha atención específica que cubre as súas necesidades máis básicas e contribúen ao seu desenvolvemento físico, motor e afectivo.

Neste senso, recalcou que estes recursos de conciliación contan coa gratuidade total, unha medida pioneira en Galicia, da que se benefician máis de 32.000 familias. Así mesmo, Jacobo Rey subliñou que o servizo de comedor en todas as escolas públicas e de iniciativa social está subvencionado polo Executivo galego seguindo o criterio da renda.

Durante este encontro con representantes autonómicos, Jacobo Rey fixo fincapé en que “as medidas como a gratuidade da educación infantil e a creación dos diferentes recursos de atención en todo o territorio, converten a Galicia na comunidade líder en escolarización na etapa de 0 a 3 anos”.  O director xeral recalcou que a Xunta de Galicia segue traballando para que a nosa comunidade sexa un referente na conciliación e nos coidados dos máis pequenos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2024