O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o seu homólogo balear, Antoni Vera, visitan o Centro de Innovación Eduardo Barreiros e o centro de FP Carlos Oroza

Galicia comparte coas Illas Baleares o seu modelo de Formación Profesional innovadora que é referente a nivel estatal

Coinciden na necesidade de seguir impulsando as ensinanzas de FP, que en Galicia acadan cifras récord de matrículas e inserción laboral

Coñecen os diferentes proxectos que se están a desenvolver nas catro áreas de especialización do Centro Galego da Innovación da FP en Ourense

Comproban o funcionamento do Centro Integrado de FP Carlos Oroza de Pontevedra, especializado na hostalaría, un sector moi importante na economía balear

Ourense/Pontevedra, 21 de novembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conseller de Educación e Universidades das Illas Baleares, Antoni Vera, visitan hoxe dous centros de referencia na Formación Profesional: o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense, e o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, en Pontevedra, para dar a coñecer e compartir o modelo galego nestas ensinanzas.

Deste xeito, Galicia amósalle á delegación balear o seu facer na Formación Profesional, con accións que poderían ser exportables á Comunidade balear e que xa se están aplicando nas nosas aulas. Como afirmou o representante do Goberno balear, a industria de servizos demanda cada vez máis perfís especializados, polo que é preciso impulsar unha maior oferta formativa e ampliar as súas infraestruturas da rede de centros integrados.

No transcurso da visita, os dous conselleiros coincidiron na necesidade de seguir impulsando o avance das ensinanzas de FP, que se teñen consolidado nos últimos anos como un referente de calidade, innovación e empregabilidade e xeran unha enorme confianza nos sectores produtivos. Neste sentido, Román Rodríguez reafirmou que a FP é “un eixo estratéxico, unha política de país que nos serve para dar oportunidades laborais e de futuro a cada vez máis persoas”.

En Galicia, declarou o representante da Xunta, a FP “avanzou en todos os ámbitos, pero destaca o incremento de alumnado, con preto de 69.000 matriculados este curso, o dobre que en 2009, e unha taxa de empregabilidade do 86 %”.

A innovación do Eduardo Barreiros

Neste sentido, Román Rodríguez destacou a labor que se realiza desde o Centro Eduardo Barreiros, onde se concentran as liñas estratéxicas da Formación Profesional: a conexión co mundo laboral, o emprendemento e a innovación. Alí, Antoni Vera e o seu equipo puideron coñecer os diferentes proxectos e iniciativas que se están a desenvolver nas catro áreas do centro: Innovación aplicada, Emprendemento industrial, Formación de alta especialización e Comunicación estratéxica e internacionalización.

Así mesmo, coñeceron como se traballa na visibilización do labor do centro como un referente de innovación, formación e emprendemento industrial no ecosistema da Formación Profesional.

O conseller de Educación e Universidades das Illas Baleares tamén se interesou polo programa de formación de alta especialización para docentes de FP que se imparte neste centro, con 96 actividades multidisciplinares e 1.440 prazas, así como polo programa InnovaTech FP, a través do que os alumnos se enfrontan á resolución de retos tecnolóxicos expostos por empresas. Así mesmo, Antoni Vera e o seu equipo coñeceron como se traballa na visibilización do labor do centro como un referente de innovación, formación e emprendemento industrial no ecosistema da formación profesional.

O sector da hostalaría

A visita remata no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, un centro especializado na hostalaría, un sector moi importante para a economía balear, onde a delegación insular coñece a oferta formativa enfocada no sector culinario e turístico.

O alumnado deste centro ten a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos no desenvolvemento de produtos tan orixinais como xabóns e aceites derivados de camelia. Actualmente, o Carlos Oroza conta con 352 alumnos e cunha ampla oferta formativa na que destacan ciclos de Cociña e restauración, Panadaría, repostaría e confeitaría, Servizos en restauración, Dirección de cociña, Xestión de aloxamentos turísticos e Guía, información e asistencia turísticas, entre outros.

A recente ampliación das instalacións deste centro, cun novo edificio, é outro dos ámbitos de interese debido ao obxectivo de ampliar a rede de centros integrados nas Illas Baleares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2024