Fabiola García comprométese co concello de Vedra a seguir reforzando os servizos de atención á infancia e ás persoas maiores
A conselleira de Política Social e Igualdade mantivo unha reunión co alcalde deste municipio, Carlos Martínez
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo unha reunión co alcalde de Vedra, Carlos Martínez, na que se comprometeu a seguir reforzando os servizos de atención á infancia e de coidados ás persoas maiores deste concello.
Así mesmo, Fabiola García trasladou ao rexedor que na actualidade a Xunta destina máis de 280.000 euros en diferentes recursos para atención a maiores deste concello, entre os que se atopan o Bono coidado no fogar, do que se benefician 56 veciños, que reciben unha achega anual de 5.000 euros para coidados na casa. Nesta liña, Fabiola García lembrou que no ano 2018 a Xunta de Galicia tamén sufragou cun convenio de 100.000 euros a rehabilitación da antiga escola para destinala a un centro social.
Neste sentido, a conselleira tamén sinalou que o Executivo galego destinou máis de 71.000 euros durante este curso a financiar a gratuidade da escola infantil de 0 a 3 anos que conta na actualidade con 61 prazas.