O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, informou deste trámite que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia

A Xunta somete a información pública a modificación do trazado da senda entre O Milladoiro e a intermodal de Santiago ao paso por Conxo

Francisco Menéndez remarcou que o obxectivo é acadar o maior consenso e poñer á disposición dos veciños e usuarios unha senda segura, funcional e sostible que favoreza os seus desprazamentos a pé ou en bicicleta

Explicou que froito do coñecemento do terreo, a nova alternativa aproveita as plataformas do aparcadoiro do Hospital de Conxo, mantendo todas as prazas

Subliñou que as modificacións, baixo criterios de respecto ambiental e integración, afastan a actuación do Banquete de Conxo e evitan cruces sobre o río Sar

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

A Xunta somete a información pública a modificación do trazado da senda entre O Milladoiro e a intermodal de Santiago ao paso por Conxo.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, informou deste trámite que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). No prazo dun mes, as persoas interesadas poderán trasladar suxestións con relación á nova alternativa.

Menéndez explicou que a Xunta, froito do coñecemento do terreo e do diálogo cos colectivos interesados e veciños de Conxo, deseñou variacións no trazado nesta contorna. O Goberno galego vén considerando ata o momento as achegas recibidas e continuará mantendo esa liña de comunicación para acadar o maior consenso.

Sinalou que a alternativa elixida, tras a comparación de tres opcións e baixo as premisas de respecto ambiental e integración, aproveita as plataformas existentes na zona do aparcadoiro do Hospital de Conxo, mantendo todas as prazas e incluso mellorando a accesibilidade.

Remarcou que as modificacións deseñadas para esta senda evitan achegarse ao Banquete de Conxo e tamén os cruces sobre o río Sar.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén vai atender a solicitude do Concello para evitar aproximarse ás hortas urbanas na contorna da rúa Clara Campoamor.

Estas adaptacións requiriron dun inxente esforzo técnico por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, co obxectivo de poñer á disposición dos veciños e usuarios unha senda segura, funcional e sostible que favoreza os desprazamentos a pé ou en bicicleta.

O director fixo fincapé en que a Xunta, a través desta actuación, está a traballar para situar a Santiago ao nivel das capitais europeas no eido da mobilidade ciclista.

Cómpre lembrar que esta nova intervención forma parte da creación dun eixe máis amplo que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€.

Estas actuacións son impulsadas ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2024