A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo unha reunión co alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro
A Xunta financiará a redacción do proxecto para a construción dunha residencia e centro de día no concello da Pastoriza
O complexo, que será municipal, contará con 56 prazas en total das cales 40 serán de atención diúrna e outras 16 de carácter residencial
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha xuntanza co alcalde do concello da Pastoriza, Darío Cabaneiro, no que lle avanzou que a Xunta de Galicia financiará a redacción do proxecto para a construción dunha residencia e dun centro de día municipal na localidade.
O complexo contará con 40 prazas para atención diúrna e unhas 16 de carácter residencial para maiores cunha situación de dependencia recoñecida, sumando así 56 novas prazas a este municipio para a atención a persoas maiores con dependencia.
A conselleira de Política Social e Igualdade xa coñecera este proxecto tan demandado nesta localidade da Terra Chá nunha xuntanza previa co alcalde, Darío Cabaneiro, e o tenente de alcalde, Marcos García. Neste encontro, trasladáronlle a Fabiola García a intención de situar este novo complexo nunha zona céntrica da localidade, próximo á casa consistorial.
Así mesmo, a conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que a Xunta de Galicia xa financia case unha vintena de prazas da actual residencia de maiores do concello. Ademais, sinalou que A Pastoriza conta co programa Xantar na casa que o Executivo galego financia con máis de 6.000 euros. A estes recursos, súmase que neste municipio 42 persoas se benefician do Bono coidado no fogar ás que se lles achegan 5.000 euros ao ano para coidados na casa.
Neste senso, Fabiola García sinalou que a Consellería de Política Social e Igualdade conta con outras iniciativas para fomentar a conciliación das familias. Así, fixo mención ao Punto de Atención á Infancia (PAI) no que a Xunta sufraga unha vintena de prazas. En total, destinou unha partida de máis de 26.500 euros para sufragar a gratuidade da escola infantil neste curso.