A Xunta restablece a total operatividade dos seus sistemas informáticos tras rexistrar cortes intermitentes por unha incidencia técnica

Un erro do fabricante nunha nova versión dun software provocou a incidencia técnica que afectou ao funcionamento de diferentes servizos da Administración Autonómica

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia rexistrou esta mañá cortes intermitentes nos seus sistemas informáticos que afectaron ao funcionamento de diferentes servizos da Administración autonómica. A incidencia foi causada por unha actualización de seguridade, proporcionada polo propio fabricante, nos equipos de protección do Centro de Proceso de Datos (CPD) da Xunta.

Desde primeira hora da mañá os técnicos da Administración autonómica, en contacto co provedor,  tomaron as medidas oportunas para restablecer os servizos afectados e recuperar a normalidade, que se restableceu en torno ás 12.30 horas.

A Xunta tomou, desde o primeiro momento, as medidas necesarias para garantir a dispoñibilidade dos servizos esenciais e recuperar os servizos afectados á maior brevidade posible.

Data de actualización: 21/11/2024