A Xunta ampliará en 2025 as accións para atraer, retornar e reter talento investigador excelente en Galicia

O IV Encontro Oportunius reúne en Santiago de Compostela a investigadores con proxectos apoiados polo ERC e representantes das universidades e dos centros de investigación galegos que os acollen

Nos últimos dez anos, o programa Oportunius leva investidos cerca de 14 M€ para apostar pola ciencia de primeiro nivel feita en Galicia

O impacto de Oportunius materialízase na creación de emprego cualificado, no incremento da produción científica excelente e na captación de 90M€ para investigación desde 2010

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia ampliará en 2025 as súas medidas para atraer, retornar e reter talento investigador de primeiro nivel en Galicia a través do programa Oportunius da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Tal e como salientou a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, no IV Encontro Oportunius, o obxectivo é reforzar o apoio ao tecido científico galego brindando oportunidades para unha comunidade de investigadores de excelencia "cuxo traballo, esforzo e dedicación contribúen activamente a mellorar o noso tecido produtivo e a singularizar a identidade de Galicia como rexión investigadora".

O programa Oportunius cumpre dez anos ofrecendo oportunidades para desenvolver unha carreira científica de excelencia en Galicia mediante o reforzo das opcións de acceso e dos beneficios asociados ás axudas europeas á ciencia excelente máis prestixiosas, as do European Research Council (ERC).

Cotelo destacou que, grazas a un investimento de cerca de 14 millóns de euros na última década, lográronse uns resultados que supoñen un impulso moi relevante da ciencia de primeiro nivel feita en Galicia. En total, 33 gañadores de bolsas do ERC están a recibir apoio económico complementario de Oportunius para desenvolver 41 proxectos en universidades e centros de investigación galegos. Deles, 18 están directamente contratados como investigadores distinguidos pola Axencia Galega de Innovación ao amparo do programa.

Ademais, 27 persoas que lograron quedar finalistas nas convocatorias do ERC recibiron apoio económico e asesoramento para optimizar os seus proxectos e maximizar así as súas opcións de éxito das súas candidaturas. Por último, a representante da Consellería de Ciencia destacou tamén que o programa Oportunius proporcionou ata agora servizos de orientación a  291 candidaturas e celebrou 25 talleres de formación para candidatos nos que participaron 600 persoas.

Carmen Cotelo subliñou que o impacto das axudas do ERC vai máis alá dos resultados dos propios proxectos, xa que "contribúen a fortalecer o sistema científico, económico e de emprego de Galicia". Para ilustrar esta idea, destacou a creación de máis dun cento de empregos cualificados só en 2023, a captación adicional de 30 millóns de euros con proxectos adicionais –que se suman aos 60 millóns correspondentes aos proxectos ERC– entre 2010 e 2023 e, neste mesmo período, a publicación de máis de 1.900 artigos científicos, oito de cada dez en revistas de máximo impacto.

Ademais, puxo de relevancia que, na comparativa estatal, Galicia destaca no indicador relativo á taxa de éxito na consecución de proxectos ERC con respecto ás candidaturas presentadas. En 2021, foi do 11,4 %, valor que sitúa a Galicia na segunda posición do Estado, só por detrás de Cataluña.

Novidades para 2025

Entre as novidades para 2025, Cotelo explicou que se está a traballar xa na ampliación dos servizos de soporte, introducindo novas actividades como a mentoría na elaboración de candidaturas por parte de investigadores Oportunius, os servizos de preparación das entrevistas de avaliación, o asesoramento para a definición de estratexias de valorización e transferencia dos proxectos ERC e a formación para xestores de universidades e organismos de investigación.

Tamén destacou a extensión do radio de acción do programa Oportunius para a captación de proxectos posdoutorais da convocatoria Marie Skłodowska-Curie Actions, así como novas actuacións para mellorar o posicionamento internacional, incluíndo a promoción de Galicia como territorio de I+D+i en prestixiosas publicacións científicas especializadas.

Estas novidades súmanse ás introducidas este ano, centradas na ampliación e mellora dos servizos asesoramento aos candidatos e candidatas na preparación de propostas e no reforzo da proxección do programa, co incremento das actividades de difusión internacional a novos países e novas entidades.

Referente internacional

Durante o IV Encontro Oportunius, o xefe do Departamento Científico do ERC, José M. F. Labastida, explicou que Galicia ocupa a sexta posición no conxunto de España en número de axudas ERC. A directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Izaskun Lacunza, presentou novos instrumentos de apoio á carreira científica e novas fórmulas de xeración de impacto desde a ciencia.

Na mesa redonda con cinco investigadores gañadores e finalistas de axudas ERC, ademais dos avances dos seus proxectos en universidades e centros galegos e a súa experiencia sobre os apoios recibidos do programa Oportunius, xurdiron datos como a recente posta en marcha en Portugal dun programa estatal de apoio ao talento investigador de primeiro nivel inspirado en Oportunius como referente de boas prácticas. Ademais, asociacións nacionais e internacionais de científicos compartiron a súa visión sobre a atracción e o retorno de talento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2024