A Xunta suspende a andaina ‘Camiño ao respecto’ prevista para este domingo en Santiago ante as previsións meteorolóxicas adversas

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024

A Xunta decidiu suspender a andaina contra a violencia de xénero Camiño ao respecto, que estaba previsto celebrar este domingo 24 de novembro en Santiago de Compostela, ante as previsións meteorolóxicas de MeteoGalicia e da Agencia Estatal de Meteorología (Aemet), que prognostican alerta amarela por fortes ventos.

As previsións meteorolóxicas indican que unha profunda borrasca de 940 milibares situada entre Islandia e Irlanda deixará fortes ventos de compoñente sur en toda Galicia. Concretamente, para a zona interior da provincia da Coruña as previsións indican que durante a mañá do domingo os refachos de vento poden ser superiores aos 70 quilómetros por hora.

Ante esta situación, a Xunta suspende a andaina solidaria entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro e que está enmarcada nas máis de 300 actividades organizadas polo Goberno galego con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Data de actualización: 22/11/2024