A Xunta licita por preto de 185.000€ a impartición de 32 cursos de condución segura abertos a 640 motoristas

A Administración autonómica desenvolverá estes cursos nos vindeiros dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous, de xeito que se poderán acadar os 64 cursos, cun investimento de 368.614€

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 26 de decembro para presentar as súas ofertas e a intención é que os cursos poidan desenvolverse a partir de abril do 2025

Os cursos contarán con parte teórica e práctica e abordarán temas relacionados coa normativa, con técnicas para mellorar as habilidades dos motoristas e a anticipación do risco e como reaccionar ante el

Trataranse temas como o mantemento básico da motocicleta, a técnica e o control da freada, a xestión da traxectoria en curvas, as manobras evasivas e a condución con pasaxeiro

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2024

A Xunta acaba de licitar por 184.307€ o contrato para a impartición de cursos de condución segura dirixidos a motoristas. Serán, en total, 32 os novos cursos dirixidos a este colectivo os que se desenvolverán nos vindeiros dous anos, nos que poderán participar un total de 640 motoristas.

Non obstante, prevese a posibilidade de prórroga na licitación, de xeito que se poderán ampliar ata os 64 o número de cursos e o investimento acadará os 368.614€. Cada acción formativa terá unha capacidade de 20 alumnos, o que supoñerá un total de 1.280 coa prórroga prevista.

As empresas teñen de prazo ata o 26 de decembro para presentar as súas propostas e a intención é que os cursos poidan desenvolverse a partir de abril do 2025.

Trátase de cursos de formación cunha parte teórica e outra práctica, na que os usuarios aprenderán a reaccionar ante situacións adversas. Terán unha duración de 5 horas e abordarán temas relacionados coa normativa, con técnicas para mellorar as habilidades dos motoristas e a anticipación do risco e como reaccionar ante el.

Ademais, trataranse temas como o mantemento básico da motocicleta, a técnica e o control da freada, a xestión da traxectoria en curvas, as manobras evasivas e a condución con pasaxeiro.

A Administración autonómica ten en marcha, en colaboración con colectivos e co resto das administracións o “Plan de Seguridade Viaria 2022-2025. Visión cero”, que persigue a eliminación de falecidos e feridos graves provocados polos accidentes de tráfico para o ano 2050 e cunha folla de ruta que aborda diversas liñas de traballo que inclúen o plan de reforzos de firmes, o Plan de Sendas e tamén este tipo de formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2024