A Xunta destaca a conciliación e a corresponsabilidade familiar como piar fundamental para acadar a igualdade real entre mulleres e homes

A directora xeral de Promoción da Igualdadade participou na Xornada de tripla sensibilización: corresponsabilidade, acollemento familiar e conciliación

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2024

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou na Xornada de tripla sensibilización: corresponsabilidade, acollemento familiar e conciliación que organiza a Asociación de Familias de Acollida de Galicia (Acougo). Este encontro abordou os roles de xénero e a importancia da conciliación e a corresponsabilidade, isto último con aínda máis énfase no eido das familias de acollida.

Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé na importancia de que as familias acolledoras teñan inseridos os valores e a práctica da corresponabilidade, xa que as nenas e nenos de acollida, que moitos viviron en situacións familiares complexas, precisan ter bos referentes no seu novo fogar. Isto é, pais e nais de acollida que eduquen en igualdade, no valor da diversidade e nos que os coidados sexan mutuos. Quintiana asegurou que esta é unha das mellores formas de educar a esas nena e nenos e así poder previr futuros casos de violencia de xénero.

Así, a directora xeral lembrou que para acadar a igualdade real entre mulleres e homes é fundamental seguir dando pasos adiante no eido da corresponsabilidade familiar e seguir rachando cos estereotipos de xénero. Por iso puxo en valor o convenio de colaboración da Xunta de Galicia con Acougo para desenvolver o programa “Acollemento Corresponsable 2024”, con 134.000 euros, un programa no que se enmarca estas xornadas e que ademais inclúe o campamento de verán para nenas e menos en acollida, xornadas como estas para a sensibilización para as familias, clubes de lectura, contacontos, obradoiros e outras actividades. O obxectivo de todas elas é fomentar e apoiar o acollemento familiar, promover a conciliación e formar en corresponsabilidade co obxectivo de adoptar patróns de relación máis igualitarios dentro da unidade familiar.

Ademais, María Quintiana destacou que a Xunta, a través do departamento de Promoción da Igualdade, contará en 2025 con máis de 10,5 millóns de euros para programas de conciliación e de fomento da corresponsabilidade, unhas accións coas que este ano se atendeu a máis de 30.000 nenas e nenos de toda Galicia e na que participaron máis de medio centenar de Anpas, unha vintena de entidades e máis e 170 concellos.

Do mesmo xeito, directora xeral trasladou aos participantes o compromiso do Executivo galego para seguir impulsando medidas que sensibilicen e preveñan as condutas machistas en xeral e, de xeito particular, a violencia de xénero. Neste senso, sinalou que a Xunta conta con iniciativas durante todo o ano e que durante este mes, con motivo da celebración do Día Internacional contra a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, reforza a súa actuación con máis de 300 actividades en toda Galicia e enfocada, sobre todo, na mocidade.

Data de actualización: 23/11/2024